Ribadeo, sede do I Torneo de Baloncesto Interautonómico de Veteranas

AMariñaXa
Cinco equipos galegos e tres asturianos protagonizarán dúas xornadas ben completas, cun total de 12 encontros
Norteo-Ribadeo
22 Out 2024

Ribadeo acollerá a vindeira fin de semana o Norteo, o I Torneo de Baloncesto Interautonómico de Veteranas, que organizan as Federacións Galega e Asturiana de Baloncesto e coa colaboración do Concello de Ribadeo e CB Ribadeo. “Os vindeiros 26 e 27 de outubro Ribadeo vivirá en primeira persoa a estrea dunha cita na que xogadoras veteranas, chegadas de Asturias e da propia Galicia, abrirán a temporada desfrutando do deporte, da confraternización e amosando os valores do baloncesto máis alá da pista”, contou o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.

Cinco equipos galegos e tres asturianos protagonizarán dúas xornadas ben completas, cun total de 12 encontros repartidos entre o pavillón polideportivo e o pavillón de deportes. Os encontros terán lugar o sábado 26 en horario de mañá (11.00 e 12.30 horas) e tarde (18.00 e 19.30 horas) e o domingo 27 en quenda de mañá (10.30 e 12.00 horas). O acceso a todos eles será libre. Galicia estará representada por Cidade de Lugo (Lugo), CB Rodaballo (Vigo), Basket Aurum (Ferrol), ADC Dos más Uno (Santiago) e un último equipo por confirmar. Dende Asturias visitarán Ribadeo: Avigoats, Gijón Basket e Pumarchi.

“As Federacións Galega e Asturiana de Baloncesto impulsan esta edición do Norteo cunha clara vocación integradora, apostando polo baloncesto, os seus valores e as implicacións da vida deportiva máis aló dos 35 anos. Nesta liña, todas as participantes no Torneo sumarán esforzos en apoio á Asociación Española Contra o Cancro. Todas elas portarán camisetas rosas e remarcarán a importancia do traballo de investigación na prevención do cancro”, dixo a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo.

"Temos que apoialas coa nosa presenza os días 26 e 27 de outubro nos pavillóns de Ribadeo nesta primeira edición do Norteo. Amosemos o noso apoio ao deporte feminino e á loita contra o cancro, todo dunha vez. Vémonos nos pavillóns”. Esta primeira edición do Norteo contará tamén coa colaboración de Gestión Gratelu S.L., que achega o seu compromiso con este torneo a través da acción de respaldo á Asociación Española Contra o Cancro.

0.04370903968811