Ribadeo reunirá os seus maiores no III Encontro Día do Xubilado

Ribadeo volverá reunir os seus xubilados e xubiladas nunha xornada de convivencia o próximo 27 de setembro. O municipio celebrará a terceira edición do Encontro Día do Xubilado, que terá como escenario a explanada da lonxa, no porto, e combinará gastronomía e música.
A programación xirará arredor dun xantar de confraternidade, que será servido por Catering Sarredo. Tras a comida, a celebración continuará cunha sobremesa musical amenizada polo Dúo Venus, que se encargará de poñer ritmo á tarde.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, animou a participar nesta nova edición aos xubilados e xubiladas empadroados en Ribadeo, destacando o carácter de encontro entre amizades e veciñanza que ten a iniciativa.
As persoas interesadas deberán retirar previamente as súas tarxetas. O prazo estará aberto ata o 23 de setembro na Área de Benestar Social, situada no auditorio municipal, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
O prezo establecido é de 15 euros por comensal e o pagamento deberá realizarse mediante tarxeta de crédito.
Sierra agradeceu tamén a colaboración do Goberno autonómico na organización da cita e convidou os maiores do municipio a compartir unha nova edición desta xornada, que chega este ano á súa terceira convocatoria.