Ribadeo reúne a 50 docentes no XV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos

AMariñaXa
O encontro organizado por Apaga combinará relatorios e obradoiros prácticos e contará coa participación de profesorado de diferentes puntos de España e da Universidade Akenten Appiah-Menka de Kumasi, Ghana
formacion-profesional-automobil-APAGA-Ribadeo-2024
25 Aug 2026

Ribadeo converterase durante tres días nun punto de encontro para a formación e a innovación vinculadas ao mundo do motor. O Centro de Formación Profesional Apaga acollerá os días 26, 27 e 28 de agosto o XV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, no que participarán 50 profesores procedentes de Galicia, Salamanca, Murcia, Asturias e Pamplona.

A actividade, organizada pola Asociación de Profesores Técnicos e de Ensinanza Secundaria de Automoción de Galicia (Apaga), comezará o mércores 26 ás 9.30 horas coa recollida da documentación e o acto de inauguración.

O programa combinará durante as tres xornadas a formación teórica coa práctica. As mañás estarán centradas principalmente en relatorios sobre algunhas das novidades e retos aos que se enfrontan tanto o sector automobilístico como a formación dos seus profesionais.

Entre os asuntos que se abordarán figuran os sistemas de xestión e carga de baterías para vehículos eléctricos, a electrificación das frotas de transporte público, a reparación de vehículos clásicos, os programas Erasmus+ ou os sistemas eléctricos. Tamén se presentará o novo BMW iX3.

O carácter internacional será outra das características desta edición. O xoves participarán dous docentes da Universidade Akenten Appiah-Menka de Kumasi, en Ghana, que darán a coñecer diferentes proxectos relacionados coa formación profesional.

Pola súa banda, as tardes estarán reservadas para a vertente práctica do encontro. Os asistentes poderán participar en obradoiros de aerografía, soldadura, caixas de cambios automáticas e manexo de torno.

O fórum busca favorecer o intercambio de coñecementos entre docentes e profesionais, achegar aos participantes ás últimas tecnoloxías aplicadas aos vehículos e manter vinculados aos traballadores do sector cos procesos formativos ao longo da súa vida laboral.

A programación académica complementarase con actividades de ocio destinadas tamén a dar a coñecer Ribadeo aos participantes. Entre elas figuran unha visita ao casco antigo con degustación de viños galegos e un paseo en barco pola ría de Ribadeo.

PROGRAMACIÓN

0.14555692672729