Ribadeo retoma o programa Preto de Ti con actividades en 14 parroquias

O Concello de Ribadeo poñerá en marcha o vindeiro 19 de outubro unha nova edición do programa Preto de Ti, unha iniciativa que achega actividades de lecer, formación e benestar ás parroquias para promover a participación da veciñanza e fortalecer as relacións sociais.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, explicou que a programación chegará a As Anzas, Arante, Vilela, Cubelas, Couxela, Santalla, Vilaselán, A Rochela, Remourelle, A Devesa, Cinxe, Rinlo, Ove e Vilaframil. As inscricións xa están abertas e as persoas interesadas poden consultar as propostas e os horarios dispoñibles chamando ao teléfono 625 104 274.
A oferta inclúe actividades moi diversas, entre elas manualidades, pintura, cestería, exercicios de memoria, ximnasia, charlas sociosanitarias e viaxes culturais. Sierra animou a cidadanía a participar nestas propostas, que permiten aprender, gozar do tempo libre e compartir experiencias con amizades e veciñanza.
MÚSICA NAS PARROQUIAS
O programa musical Argadelo tamén regresará ás parroquias ribadenses. Como novidade nesta edición, a iniciativa pretende chegar a Vilaframil e Cefofeita, ampliando así o seu ámbito de actuación.
A responsable municipal amosou a súa satisfacción pola evolución de Preto de Ti, que continúa medrando e conta cada vez cunha maior participación e implicación veciñal. Este aumento tradúcese tamén nunha programación con máis actividades, que se irán ofrecendo ao longo do curso.
Máis alá das propostas concretas, o programa busca crear espazos de encontro nos que as persoas poidan coidarse, aprender, desconectar da rutina e relacionarse con outras. O Concello pretende contribuír así ao benestar físico e mental, favorecer o coñecemento mutuo e reforzar a vida comunitaria.
Sierra destacou tamén a importancia de manter estas iniciativas preto da cidadanía, tanto na vila como nas parroquias, para impulsar a convivencia e combater a soidade non desexada. O Concello anima as persoas interesadas a informarse e inscribirse nesta nova edición para compartir actividades e fortalecer os vínculos entre veciños e veciñas.