Ribadeo rehabilitará a capela da Virxe do Camiño e crearase un espazo cultural

O Concello de Ribadeo e o Bispado acordaron a cesión de uso da capela da Virxe do Camiño, situada no municipio, para rehabilitala e convertila nun espazo cultural aberto á cidadanía. No exterior eliminaranse as barreiras arquitectónicas para garantir a accesibilidade a todas as persoas.
O alcalde, Dani Vega, explicou que a capela “estaba desacralizada e sen uso desde hai moitos anos” e que a cesión permitirá ao Concello incluíla dentro das súas planificacións culturais. “Tomamos a decisión de garantir un orzamento, que xa temos a través da Consellería, e redactar o proxecto para concretar as actuacións necesarias. Queremos que sexa unha sala multifuncional dentro das actividades culturais programadas polo Concello”, sinalou.
Vega destacou a importancia de compatibilizar a rehabilitación do edificio coa modernización do exterior, xa que actualmente non cumpre coas medidas de accesibilidade. “Se vai ser un edificio para que acudan as persoas, temos que darlle cabida a todas, tamén ás que teñen mobilidade reducida”, subliñou.
O rexedor agradeceu ao Bispo de Mondoñedo, ao conxunto da Diocese e á parroquia de Ribadeo a colaboración para facer realidade este proxecto, que supón “unha moi boa noticia para todos os ribadenses e un paso importante na recuperación dun espazo histórico e significativo para o municipio”.