Ribadeo regulará o estacionamento de caravanas e autocaravanas con multas de ata 3.000 euros

AMariñaXa
A normativa diferenciará entre pernoita e acampada, fixará tempos máximos de permanencia e establecerá sancións de entre 200 e 3.000 euros
Ribadeo-caravanas-aparcadas-2025
7 Oct 2026

O Concello de Ribadeo prepara unha nova ordenanza municipal para regular o estacionamento de caravanas, autocaravanas e vehículos camperizados no termo municipal. A normativa nace, segundo explica o Goberno local, coa intención de ordenar o uso das vías e dos espazos públicos e contribuír ao modelo de turismo de calidade que promove o municipio.

O alcalde, Dani Vega, sinala que a regulación pretende establecer con claridade os lugares nos que estes vehículos poderán estacionar ou acampar. "Regular non é prohibir todo, pero si ter unha regulación, unha ordenanza que determine perfectamente onde podemos acampar e aparcar", explica.

A normativa tamén diferenciará entre o que se considera pernoctar e acampar e definirá os vehículos de grandes dimensións. O Concello pretende abordar así diferentes cuestións relacionadas con este tipo de turismo, entre elas a xestión dos residuos, os problemas de ruído e os tempos máximos de permanencia nos espazos públicos.

Segundo Dani Vega, trátase da primeira ordenanza municipal de Ribadeo especificamente destinada a regular o estacionamento e a acampada destes vehículos. O alcalde defende que a norma permitirá "definir, concretar, organizar" os espazos e establecer unhas regras comúns para as persoas que cheguen ao municipio en caravanas, autocaravanas ou vehículos camperizados.

A protección dos espazos naturais constitúe outro dos obxectivos da regulación. O Concello pon o foco especialmente na praia das Catedrais e noutros lugares considerados sensibles, establecendo onde estará permitido estacionar ou acampar. "Non podemos chegar e aparcar ou acampar en calquera sitio. Iso vai estar prohibido", afirma o rexedor.

O incumprimento da ordenanza poderá dar lugar a diferentes sancións en función da gravidade da infracción. As leves estarán castigadas con multas de entre 200 e 750 euros, mentres que as graves oscilarán entre 751 e 1.500 euros. No caso das infraccións moi graves, as sancións poderán alcanzar os 3.000 euros.

Vega considera que a aprobación desta normativa permitirá avanzar na organización dos aparcadoiros públicos e na protección dos espazos naturais, ao tempo que se busca ordenar a presenza deste tipo de vehículos no municipio.

"Xa era hora dunha vez por todas ter unha ordenanza que regulara e, a partir de aí, coidar os espazos naturais, tamén preservar os aparcadoiros públicos", sinala o alcalde. Para o rexedor, esta regulación supón "un paso máis nese turismo de calidade" polo que aposta Ribadeo, cun modelo que permita compatibilizar a actividade turística coa conservación e organización dos espazos municipais.

0.1598207950592