Ribadeo reforzará a seguridade na pista de patinaxe

AMariñaXa
O Concello instalará novas redes de protección e mellorará a iluminación para garantir un uso seguro das instalacións
Ribadeo-Francisco-José-Silvent-concelleiro-deportes
Concello de Ribadeo
21 Mar 2025

O Concello de Ribadeo mellorará a seguridade da pista de patinaxe coa instalación de novas redes de protección e sistemas antivandálicos, segundo anunciou o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent. Esta medida busca reforzar a seguridade das persoas usuarias e garantir que as instalacións deportivas do municipio estean en óptimas condicións.

“Queremos que as instalacións deportivas de Ribadeo estean nas mellores condicións posibles, e iso pasa por dotar os espazos con materiais de maior calidade que reforcen a seguridade dos usuarios e usuarias”, explicou Silvent.

O edil ribadense tamén fixo un chamamento ao civismo de todas as persoas que empregan a pista de patinaxe e outros recintos deportivos da localidade. “É importante que todos coidemos estes espazos para que poidan ser gozados en boas condicións durante máis tempo”, destacou.

Ademais, o concelleiro agradeceu o traballo dos técnicos municipais, grazas aos cales o Concello conseguiu incautar a fianza da empresa responsable da obra e, deste xeito, dar solución aos problemas de iluminación que afectaban á pista. “Atopámonos cunha instalación en estado moi deficiente e estamos a traballar sen descanso para corrixir esta problemática o antes posible”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.71398210525513