Ribadeo reforza os lazos con Loktudi nunha semana de intercambio cultural coa Bretaña francesa

AMariñaXa
Un grupo de 35 persoas de Loktudi, localidade irmandada con Ribadeo, pasou unha semana descubrindo o patrimonio cultural e a hospitalidade galega, nunha iniciativa da Asociación de Irmandade Ribadeo-Loktudi
Imaxe da despedida dos visitantes de Loktudi a Ribadeo
19 sep 2024

Ribadeo vén de acoller un grupo de 35 persoas procedentes de Loktudi, a localidade bretoa coa que está irmandada. O encontro, que tivo lugar entre os días 11 e 17 de setembro, foi organizado pola Asociación de Irmandade Ribadeo-Loktudi e supuxo unha nova oportunidade para fortalecer os lazos culturais e afectivos entre ambas comunidades.

As familias ribadenses devolveron así a hospitalidade que elas mesmas recibiron en Loktudi o pasado ano, ofrecendo aos seus convidados unha completa axenda de actividades que combinou visitas culturais, actos institucionais e momentos de convivencia. O recibimento oficial tivo lugar o día 12 cun percorrido polos lugares máis emblemáticos da vila, incluíndo a rúa de San Roque, a Praza do Campo, a Aduana Vella e a Atalaia. Os visitantes tiveron a oportunidade de coñecer a rica historia marítima e comercial de Ribadeo a través dun roteiro teatralizado.

Outro dos momentos destacados foi a visita á comarca dos Oscos e a Grandas de Salime, onde o grupo bretoón puido admirar a paisaxe de montaña e coñecer os aspectos culturais máis singulares da zona, como o patrimonio industrial da ferrería do Mazonovo.

O sábado 14, o intercambio tomou un cariz máis formal coa inauguración do Miradoiro Loktudi, unha homenaxe ao vínculo entre ambas vilas situada á beira da Ría de Ribadeo. O acto, no que se descubriu unha placa de Sargadelos, contou coa presenza do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e da tenente de alcalde de Loktudi, Anne Pronost. Pola tarde, tivo lugar unha recepción oficial na Casa do Concello, amenizada pola Escola Municipal de Música de Ribadeo, con interpretacións dos himnos galego e bretón.

A semana culminou cun día de excursións e actividades familiares, que incluíron unha visita á Praia das Catedrais e un paseo en lancha pola ría. A despedida tivo lugar o martes 17, coa promesa de novas visitas e intercambios culturais, ademais da posibilidade de ampliar a participación a máis persoas e de fomentar a implicación da xuventude.

O éxito da iniciativa foi tal que tanto as autoridades como os participantes destacaron a total ausencia de incidencias e o clima de amizade que reinou durante toda a estancia. A Asociación de Irmandade Ribadeo-Loktudi xa mira ao futuro con novas propostas para seguir fortalecendo estes lazos internacionais.

0.19082903862