Ribadeo reforza a seguridade e o estado da estrada Reme-Vilamar con novas actuacións

O Concello de Ribadeo vén de impulsar novas melloras na estrada Reme-Vilamar, unha das vías máis relevantes para a comunicación entre parroquias e concellos limítrofes, así como para o funcionamento de numerosas empresas da contorna. As actuacións céntranse na reparación de varios puntos que presentaban un notable desgaste polo paso continuado do tráfico.
O alcalde, Dani Vega, explicou que estas intervencións responden á necesidade de actuar en zonas concretas nas que o firme se atopaba máis deteriorado. Segundo indicou, tras detectar estas deficiencias, o Concello contactou coa Xunta de Galicia para activar unha nova inversión destinada a corrixir estas incidencias, especialmente en lugares como San Vicente de Cubelas e noutros puntos do trazado.
O rexedor lembrou que esta estrada xa fora obxecto dunha importante actuación no pasado, cun investimento de arredor de 800.000 euros que permitiu mellorar unha parte significativa do percorrido. Con todo, quedaran tramos sen incluír naquela intervención, nos que agora se está a actuar mediante a aplicación de aglomerado en quente para reforzar o firme e garantir unha circulación máis segura.
Vega puxo en valor a importancia de combinar novas inversións coa conservación das infraestruturas existentes, subliñando que o uso continuado provoca un desgaste inevitable que require mantemento periódico. Neste sentido, destacou que a estrada Reme-Vilamar constitúe unha vía estratéxica tanto para as parroquias do interior como para a conexión con outros municipios, ademais de resultar fundamental para o desenvolvemento da actividade empresarial na zona.
O alcalde tamén quixo agradecer a colaboración da Xunta de Galicia nesta actuación, salientando a relevancia deste tipo de investimentos para mellorar a rede viaria local e garantir unhas comunicacións máis eficientes.