Ribadeo reforza a busca de persoal para garantir os servizos nas praias este verán

O Concello de Ribadeo continúa coa tramitación dos procesos de contratación destinados a cubrir os servizos de vixilancia, asistencia sanitaria e limpeza nas praias do municipio de cara á campaña de verán. Na actualidade permanecen abertos os prazos para a presentación de solicitudes nas tres convocatorias, co obxectivo de completar os equipos antes do comezo da tempada, previsto para o próximo 17 de xuño.
Segundo explican desde o goberno local, a principal necesidade concéntrase no servizo de socorrismo. A planificación municipal contempla un cadro de persoal integrada por quince socorristas e un coordinador, aínda que neste momento só están cubertas tres das prazas de socorrista, ademais da xefatura do servizo. Por este motivo, é preciso incorporar doce profesionais máis para garantir o funcionamento previsto.
Tamén continúa aberto o procedemento para a contratación de persoal sanitario. Neste caso, a estrutura prevista está formada por tres profesionais, dos que un xa ocupa o posto, polo que restan dúas vacantes por cubrir. Do mesmo xeito, o Concello busca completar o equipo encargado da limpeza dos areais, para o que son necesarios dous traballadores máis.
Os interesados poden consultar as condicións e requisitos das convocatorias a través da sede electrónica municipal. O prazo para presentar solicitudes remata o 2 de xuño no caso do persoal sanitario e dos operarios de limpeza, mentres que para as prazas de socorrista estenderase ata o 4 de xuño.
Os contratos terán unha duración de tres meses e permitirán prestar servizo durante toda a campaña estival. Desde o executivo local lembran que a planificación inicial está pensada para atender a totalidade dos areais do municipio, incluíndo Os Bloques, O Cargadeiro, Rochas Brancas, Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais.
Porén, a dificultade para atopar profesionais cualificados nos últimos anos condicionou a cobertura dos servizos. Esta situación obrigou a concentrar os recursos en praias como As Catedrais, As Illas e Os Castros e mesmo a reducir os horarios de vixilancia respecto aos inicialmente previstos.
O Concello confía en completar as contratacións nas próximas semanas para ofrecer unha atención adecuada aos miles de visitantes e usuarios que cada verán escollen as praias ribadenses como destino de lecer.