Ribadeo recupera o Mercado dos Domingos con produtos de proximidade e artesanía local

Ribadeo volverá converter a contorna da Praza de Abastos nun espazo de encontro entre veciñanza e produtoras locais coa posta en marcha dunha nova edición do Mercado dos Domingos, que arrincará o 28 de xuño e se estenderá ata o 11 de outubro. A iniciativa está promovida polo Concello en colaboración coa asociación A Sucadoira, co obxectivo de poñer en valor o produto de quilómetro cero e impulsar a economía local.
O mercado desenvolverase todos os domingos en horario de 9:00 a 14:00 horas e reunirá unha quincena de produtores e produtoras da comarca, que ofrecerán alimentos frescos, elaboracións artesanais e propostas vinculadas ao territorio. Entre os artigos que se poderán atopar figuran produtos da horta, panadaría, setas e outras creacións de carácter local.
Desde o Goberno municipal destacan que esta iniciativa busca reforzar o apoio ao tecido produtivo da zona, ao tempo que dinamiza a actividade comercial da Praza de Abastos e promove hábitos de consumo máis sostibles e responsables. Ademais, o mercado contará con actividades complementarias pensadas para crear un ambiente familiar e participativo.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, subliñou a importancia de manter esta aposta polos produtos de proximidade e agradeceu o labor de A Sucadoira, así como o apoio institucional e o traballo do persoal técnico implicado na organización.