Ribadeo recupera o Domingueo para promover as compras no comercio local
Concello e Acisa recuperan a campaña Domingueo en Ribadeo co obxectivo de promover as compras no comercio local os domingos pola mañá e o consumo na hostalería local. A música inundará os recunchos da vila durante os mediodías de sete domingos desde o 21 de abril ao 7 de xullo.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, sinalou que “nos pareceu interesante recuperar esta campaña comercial de Acisa conxuntamente co Concello para facer das mañás de domingo unha cita ineludible para vir pasear, mercar ou tomar o vermú a Ribadeo. Somos conscientes de que as xornadas de domingo na nosa vila atraen a moita xente, pero queremos que aínda veñan máis persoas e que gocen tamén de boa música, da que atoparán por diversos recunchos de Ribadeo os días 21 e 28 de abril, 5 e 26 de maio, 2 e 16 de xuño e 7 de xullo”.
A edil ribadense dixo que “a combinación de comprar, terracear e parolar acompañada cunhas pinceladas musicais farán que as mañás de domingo en Ribadeo sexan máis luminosas e que rexistren un maior ambiente do que xa recibimos durante todo ao ano coa chegada agora da primavera e do verán, dos días longos, das boas temperaturas… todo iso queremos aproveitalo e potencialo o máximo posible”.
Saiz engadiu que “a medida que se aproximen as datas do Domingueo en Ribadeo iremos dando a coñecer os grupos musicais e os lugares nos que actuarán. Agardamos que gusten e que nos alegren os domingos”.