Ribadeo reclama ao Goberno do Estado melloras viarias e o segundo acceso desde a A-8

O Concello de Ribadeo volveu poñer sobre a mesa diversas demandas en materia de infraestruturas e seguridade viaria, reclamando ao Goberno do Estado actuacións pendentes consideradas prioritarias para o municipio. Así o fixo o alcalde, Dani Vega, durante a visita da subdelegada do Goberno, Olimpia López, coa que presidiu este martes a xunta local de seguridade celebrada na Casa Consistorial.
Segundo explicou o rexedor, o encontro serviu para retomar reivindicacións históricas, entre as que destacou a construción dun segundo acceso a Ribadeo desde a autovía A-8. Vega insistiu tamén na necesidade de crear un acceso directo desde a estrada de Vilela á variante, unha actuación que considera clave para mellorar a mobilidade e aliviar o tráfico na contorna urbana.
Outro dos asuntos centrais abordados foi a falta de iluminación en distintos puntos estratéxicos. O alcalde puxo o foco nas rotondas de acceso desde a A-8, na do polígono industrial e na da variante, todas elas actualmente sen iluminación. Segundo indicou, esta situación supón un problema de seguridade viaria que non debería prolongarse no tempo, polo que reclamou o seu acendido inmediato baixo criterios de prevención e seguridade.
No encontro tamén se trasladou a necesidade dunha intervención integral na pasarela da Ponte dos Santos, que, segundo o Concello, presenta diversas deficiencias que están a xerar problemas recorrentes. A estas peticións sumouse a demanda de melloras na estrada nacional que conecta Vegadeo con Ribadeo, lembrando que no tramo asturiano xa se realizaron actuacións mentres que no lado galego seguen pendentes.
Ademais, o Concello solicitou autorización para asumir o mantemento das rotondas de entrada á vila e acometer a súa modernización, cunha aposta pola humanización tanto da rotonda da Vilavella como das dúas situadas en Vilaselán. Por último, Dani Vega pediu que se axilicen os informes sectoriais necesarios para executar investimentos e melloras, co fin de evitar atrasos administrativos.
O alcalde agradeceu a visita da subdelegada do Goberno e valorou positivamente o clima de colaboración entre ambas administracións, asegurando que Ribadeo seguirá defendendo estas demandas con respecto institucional, pero tamén con firmeza, para lograr investimentos e avances administrativos que redunden no benestar da veciñanza.