Ribadeo reclama á Xunta melloras no peche e nos espazos verdes da estación de autobuses

O Concello de Ribadeo solicitou á Xunta de Galicia a mellora do peche perimetral da estación de autobuses, así como o adecentamento das zonas verdes da contorna desta infraestrutura. A petición trasladouse durante a visita que realizou á localidade a directora xeral de Mobilidade, que percorreu a instalación acompañada polo alcalde, Dani Vega, e por concelleiros e concelleiras do equipo de goberno.
Segundo explicou o rexedor, o encontro serviu para facer balance das actuacións levadas a cabo ata o momento, lembrando que na lexislatura anterior a Xunta xa investira fondos para a modernización da estación. Nesa liña, detallou que nos últimos tempos se introduciron melloras puntuais, como a actualización da sinalización interior e a incorporación de imaxes históricas vencelladas á antiga Empresa Ribadeo, co obxectivo de poñer en valor a memoria do servizo de transporte no municipio.
Dani Vega recoñeceu que estas intervencións foron positivas, pero subliñou que resultaban insuficientes para resolver outras carencias máis visibles. Por iso, indicou que a principal demanda trasladada á Xunta foi a renovación do peche exterior da estación e a recuperación dos espazos verdes da entrada, unha zona próxima á beirarrúa que, segundo sinalou, leva anos nun estado de abandono que o Concello considera inaceptable.
O alcalde cualificou a reunión como “moi produtiva” e avanzou que, a partir de agora, se comezará a traballar na avaliación de orzamentos e na definición técnica das actuacións que se poderían executar. Ademais, apuntou que incluso se estudarán melloras adicionais ás inicialmente solicitadas, froito do diálogo entre os servizos técnicos municipais e autonómicos.
Desde o goberno local valoran de maneira positiva a disposición amosada pola directora xeral de Mobilidade ao desprazarse a Ribadeo e coñecer de primeira man as reivindicacións. O obxectivo, segundo destacou Vega, é continuar nesta liña de colaboración institucional para xestionar, planificar e concretar actuacións que redunden nunha mellor imaxe e funcionamento dunha infraestrutura clave para a mobilidade no municipio.