Ribadeo reclama a Portos de Galicia actuacións en Rinlo e Porcillán para mellorar as infraestruturas portuarias

AMariñaXa
O Concello solicita a renovación da rampla de acceso de Rinlo e novas actuacións en iluminación, accesibilidade e servizos na zona portuaria ribadense
concello-ribadeo-2026
30 Jul 2026

O Concello de Ribadeo trasladou a Portos de Galicia a necesidade de acometer novas actuacións nas zonas portuarias de Rinlo e Porcillán co obxectivo de mellorar o seu estado e reforzar a seguridade e os servizos que ofrecen. O alcalde, Dani Vega, realizou unha valoración positiva da reunión mantida coa presidenta do ente público, Natalia Botana, na que ambas administracións abordaron os proxectos en marcha e as futuras intervencións previstas no municipio.

O rexedor destacou o avance das obras que se executan na rúa Buenos Aires, unha actuación financiada integramente por Portos de Galicia cun investimento de 450.000 euros. Segundo explicou, os traballos céntranse nesta primeira fase na renovación das redes de abastecemento e saneamento, unha intervención que cualificou de prioritaria pese a ser pouco visible, á que se sumarán a mellora do pavimento, a instalación dunha nova iluminación e a renovación do mobiliario urbano.

Vega subliñou que a actuación tamén incorpora criterios de accesibilidade, unha cuestión que considera fundamental para adaptar progresivamente os espazos públicos ás necesidades de toda a cidadanía mediante actuacións integrais e planificadas.

Durante o encontro, o alcalde incidiu especialmente na situación da zona portuaria de Rinlo, onde advertiu do deterioro que presenta a rampla de acceso. Segundo indicou, a presidenta de Portos de Galicia trasladoulle que o organismo prevé executar este mesmo ano unha actuación de emerxencia para renovar esta infraestrutura. Con todo, o Concello insistiu na conveniencia de realizar unha intervención de maior alcance que permita resolver de forma definitiva os problemas existentes e evitar actuacións provisionais.

Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de continuar mellorando os accesos ao porto de Porcillán. O goberno local propuxo renovar a iluminación e distintos treitos das beirarrúas na zona da rúa Calvo Sotelo que depende de Portos de Galicia, ademais de actuar sobre o muro portuario e habilitar un pequeno espazo de estacionamento que dea servizo aos establecementos hoteleiros da contorna.

Na reunión tamén se analizaron outras necesidades trasladadas polo sector náutico-deportivo, co propósito de seguir mellorando as instalacións e reforzar os servizos desta área. Dani Vega defendeu que a colaboración entre administracións e a planificación conxunta de proxectos son a vía para impulsar actuacións que contribúan á modernización das infraestruturas portuarias e á mellora dos espazos vinculados ao mar no municipio.

0.12581300735474