Hodei levará a Ribadeo unha experiencia de maxia inmersiva co seu espectáculo en 360 graos

AMariñaXa
O Auditorio Hernán Naval acollerá o domingo 25 de outubro dous pases de "3 Elementos", unha proposta para todos os públicos a partir de 7 anos que forma parte de Camiño Escena Norte
experiencia inmersiva Hodei
19 Oct 2026

O ilusionista navarro Hodei, distinguido co Premio Nacional de Maxia 2025, levará a Ribadeo unha forma diferente de achegarse á maxia co espectáculo "3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º". A proposta poderá verse o domingo 25 de outubro no Auditorio Hernán Naval, con dúas sesións programadas ás 19.30 e ás 20.30 horas, dentro da oitava edición de Camiño Escena Norte (CEN).

A montaxe rompe coa disposición habitual dos espectáculos de maxia ao situar o artista no centro e rodeado polo público. Este formato, cun aforo reducido, busca crear unha atmosfera próxima na que os asistentes poidan vivir a experiencia desde todos os ángulos e sentirse parte do que acontece durante a función.

Ao longo de 40 minutos, Hodei combina ilusións, relatos e emocións arredor de tres conceptos: creatividade, curiosidade e paixón. Son cualidades asociadas á infancia que, segundo a idea que inspira o espectáculo, poden quedar limitadas co paso á vida adulta. A montaxe propón recuperalas a través dunha viaxe multisensorial pensada para sorprender e implicar os espectadores.

"3 Elementos" está dirixido a todos os públicos a partir dos 7 anos. As entradas custan 10 euros, cunha tarifa reducida de 5 euros para persoas desempregadas, xubiladas e estudantes. Poderán adquirirse na billeteira do Auditorio Hernán Naval desde 30 minutos antes de cada representación.

A actuación supón a última parada de Camiño Escena Norte na provincia de Lugo nesta edición, un circuíto que promove o intercambio cultural a través das artes escénicas.

0.13071203231812