Ribadeo recibe a doazón do piano de Luz Pozo Garza nun acto de homenaxe no seu segundo cabodano

AMariñaXa
O instrumento da poeta ribadense será entregado á Escola Municipal de Música e Danza nun evento aberto ao público que inclúe música e lembranza á autora
_Escola-Musica-Ribadeo
22 Apr 2026

Ribadeo acollerá esta tarde un acto cargado de simbolismo no que se fará efectiva a doazón do piano da poeta local Luz Pozo Garza, nunha iniciativa que pretende renderlle homenaxe coincidindo co seu segundo cabodano e ás portas da celebración do Día do Libro.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que será Gonzalo Vázquez Pozo quen entregue o instrumento que pertencía á súa nai á Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, xunto cun retrato da autora ribadense. Trátase, segundo sinalou, dun xesto de lembranza e recoñecemento á figura dunha das creadoras máis destacadas da vila.

O acto terá lugar ás seis da tarde na Aula 4 da propia escola e estará aberto ao público, polo que se espera a asistencia de alumnado, familiares e persoas vencelladas ao ámbito cultural local. Parte dos estudantes que se verán beneficiados por esta doazón participarán na homenaxe.

Durante a celebración tamén haberá un momento musical especial, no que se interpretará un vals composto pola propia poeta, titulado Vals do Eo Ribadeo, como peche emotivo dun evento que busca manter viva a súa memoria a través da música e da educación.

0.11569309234619