Ribadeo proxecta unha mellora integral da iluminación no paseo marítimo e na contorna da ría

O Concello de Ribadeo avanza nun proxecto para modernizar e mellorar a iluminación do paseo marítimo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e do treito comprendido entre O Cargadeiro e a Illa Pancha, unha actuación que busca incrementar a eficiencia enerxética e reforzar a calidade lumínica nunha das zonas máis emblemáticas da vila.
O alcalde, Dani Vega, explicou que estas melloras forman parte das xestións que o goberno municipal está a realizar para captar novos investimentos para Ribadeo. Neste marco, o rexedor mantivo recentemente unha reunión coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na que se abordou a necesidade de renovar as luminarias da zona portuaria, unha competencia directa do Concello.
Segundo detallou Vega, a actuación centrarase na substitución dos sistemas de iluminación, mantendo os brazos das farolas actuais, que se atopan en bo estado. O obxectivo é avanzar cara a un modelo máis sostible, mellorando tanto a eficiencia enerxética como a intensidade e calidade da luz ao longo do paseo marítimo.
O proxecto presentado inclúe tamén a renovación da iluminación no tramo que vai desde O Cargadeiro ata a Illa Pancha, aplicando criterios de aforro enerxético e contribuíndo á recuperación de espazos que, segundo indicou o alcalde, levaban anos sen unha intervención en profundidade. Esta iniciativa enmárcase na liña de actuación do Concello de continuar asinando convenios con outras administracións para impulsar o desenvolvemento da vila.
Dani Vega agradeceu a receptividade da conselleira ante a proposta municipal e destacou a rapidez da resposta institucional. O investimento previsto rolda os 140.000 euros, unha contía que será asumida de maneira compartida entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo, sen descartar a participación doutra consellería autonómica. A partir destas xestións, avanzou o alcalde, iniciarase a tramitación dun novo convenio que permitirá seguir mellorando as infraestruturas públicas da vila.