Ribadeo programa máis de trinta actividades culturais no primeiro trimestre de 2026

O Concello de Ribadeo presentou a súa axenda cultural para o primeiro trimestre de 2026, unha programación que inclúe máis de trinta actividades e que consolida a cultura como un dos piares da vida social do municipio. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, foi a encargada de dar a coñecer unha oferta ampla e pensada para públicos de todas as idades.
A programación abrangue disciplinas como o teatro, a maxia, a música, a literatura, as conferencias, as actividades infantís e as exposicións, con escenarios repartidos por distintos espazos municipais e patrimoniais, entre eles o Cine Teatro, o Auditorio Municipal Hernán Naval, a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, a Igrexa Parroquial ou a Casa do Mar.
Desde a área de Cultura destacan a aposta por unha axenda equilibrada, que combina creación local e galega con espectáculos de recoñecido prestixio, sen esquecer á infancia nin ás familias. A concelleira subliñou tamén o papel das asociacións culturais de Ribadeo, cuxo traballo continuo contribúe a enriquecer e complementar a oferta municipal ao longo de todo o ano.
A axenda arrancou en xaneiro con concertos destacados coincidindo coas datas de Reis, ademais de presentacións literarias, representacións teatrais e espectáculos familiares como Aladin ou El Mago de Oz, pechando o mes con propostas de maxia. En febreiro, o Entroido e a súa tradicional Queima ocuparán un lugar central, xunto con novas citas teatrais, sesións de maxia, actividades para público infantil e actos vinculados á reflexión social e á conmemoración do Día de Rosalía. O mes concluirá cunha Loita de Bandas no Cine Teatro.
Marzo traerá unha programación especialmente intensa, marcada pola celebración do 8M e por unha destacada presenza de teatro, contacontos, maxia e presentacións literarias. Figuran tamén actuacións musicais, espectáculos humorísticos e o tradicional concerto de música sacra da Coral Polifónica co que se dará inicio á Semana Santa. A axenda do trimestre completarase cunha exposición na oficina de turismo para dar a benvida á primavera.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar activamente nas distintas propostas e a encher os espazos culturais, entendendo a cultura como un espazo de encontro, reflexión e lecer compartido. A programación completa pode consultarse nos canais habituais municipais.