Ribadeo prepárase para vivir unha nova edición da súa histórica Semana Náutica

AMariñaXa
O Real Club Náutico organiza entre o 2 e o 17 de agosto a XXXV edición dun evento que contará cun amplo programa e rematará cun trofeo en lembranza de David Botín
vela-crucero-semana-nautica-ribadeo-2023
1 Aug 2025

O Real Club Náutico de Ribadeo acolleu esta semana o acto de presentación da XXXV Semana Náutica, unha das citas máis emblemáticas do verán na vila, que se desenvolverá entre os días 2 e 17 de agosto. A clausura terá lugar o día 23 cun trofeo especial en homenaxe a David Botín.

Durante o acto interviñeron representantes institucionais, empresariais e do propio club, que puxeron en valor o peso desta iniciativa no calendario estival ribadense. O presidente do RCNR, Pablo Fernández, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Ribadeo, da asociación empresarial Acisa e de diversas empresas privadas, “que cada ano fan posible que esta semana continúe medrando”.

Fernández detallou o programa da edición número 35 e anunciou que, como colofón, “o día 23 celebrarase o trofeo en memoria de David Botín, pechando así as actividades de verán organizadas polo club”.

A xefa da Área Provincial de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez, fixo fincapé na relevancia da náutica en Galicia, lembrando que a comunidade conta con 73 portos deportivos e máis de 10.700 amarres. “Estas cifras reflicten a importancia estratéxica deste sector para Turismo de Galicia, polo que colaboramos activamente na organización de eventos como este”, apuntou.

Desde o tecido empresarial, a presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, agradeceu o convite do club e subliñou o seu labor anual, destacando “o papel dinamizador que ten tanto para o porto como para o conxunto da actividade económica do municipio”.

O alcalde, Dani Vega, quixo recoñecer a traxectoria e o peso histórico da Semana Náutica: “É unha cita que xa forma parte da identidade de Ribadeo, cunha longa tradición construída grazas ao traballo de moitas persoas, tanto do actual presidente como dos anteriores, e de todo o equipo humano do Real Club Náutico. Isto marca a diferenza como pobo”.

O rexedor insistiu na importancia de manter esa continuidade e compromiso interxeracional: “A Semana Náutica vén de lonxe, está moi viva no presente e conta cun relevo que quere seguir facendo cousas. Iso é o que realmente importa: ter un camiño percorrido e un futuro por diante”.

⚙ Configurar cookies
0.1988730430603