Ribadeo prepárase para un Entroido cheo de cor, música e tradición

Ribadeo ten xa todo preparado para celebrar o Antroido 2026, unha das citas máis esperadas do calendario festivo local. A programación principal estenderase entre os días 14 e 21 de febreiro, aínda que as actividades comezarán xa na fin de semana previa coa degustación de fereixós na Sala do Campo, en horario de mañá, de 11 a 14 horas.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, presentou o cartel e o programa desta edición, destacando a variedade de actos e a implicación do tecido asociativo e empresarial da vila. O venres 14 de febreiro terá lugar un dos momentos máis destacados do Antroido: a Gala Tu cara me suena con amor, que servirá tamén para render homenaxe aos 40 anos de traxectoria da charanga A Choca. O espectáculo celebrarase a partir das 21:00 horas no Cine Teatro.
O domingo 15 será a quenda do tradicional cocho, que percorrerá as rúas acompañado polas charangas locais Aturuxo e A Choca. Nesa mesma xornada haberá fereixós e baile infantil na sala do Rosalar, cunha proposta pensada especialmente para o público máis novo.
O luns 16 celebrarase o cocido do Antroido nunha carpa instalada no Parque de San Francisco, unha iniciativa organizada pola Comisión de Festas. Xa o martes 17, festivo local, Ribadeo acollerá o tradicional desfile de Antroido, no que se repartirán máis de 6.000 euros en premios. As bases do concurso poden consultarse na páxina web municipal. O programa pecharase o venres 21 coa Queima do Antroido, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Desde o Concello agradeceron expresamente o traballo da Comisión de Carnaval, da Comisión de Festas, das persoas voluntarias e das empresas colaboradoras, así como o apoio de establecementos comerciais e panaderías que fan posible unha das celebracións máis emblemáticas de Ribadeo.