Ribadeo prepárase para acoller o XIX Torneo Internacional de Fútbol de Veteranos con máis de 2.500 participantes

AMariñaXa
A cita deportiva e turística reunirá equipos de tres continentes e suporá un impulso económico para toda a comarca
torneo-internacional-vila-de-ribadeo
22 May 2025

Ribadeo converterase esta fin de semana nun auténtico epicentro do fútbol veterano internacional coa celebración do XIX Torneo Internacional Vila de Ribadeo, organizado pola Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, que foi presentado hoxe oficialmente.

A competición celebrarase os días 24 e 25 de maio e contará coa participación de 82 equipos repartidos en dúas categorías: 66 en +35 anos e 16 en +45. Os clubs participantes chegarán desde países como México, Arxentina, Portugal, Irlanda, Francia, Bangladesh, Italia ou a República Checa, ademais de representar a nove comunidades autónomas españolas.

A organización calcula que máis de 2.500 persoas se desprazarán ata a vila mariñá, das cales arredor de 1.650 serán xogadores e o resto acompañantes. A maioría permanecerán en Ribadeo dende o venres ata o luns, aínda que algúns equipos xa chegaron a principios de semana para coñecer os campos e gozar do entorno turístico.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, agradeceu o labor organizativo e destacou o impacto do evento: “Este torneo encherá Ribadeo de vida, pero tamén outros concellos galegos e asturianos que acollerán partidos. É unha oportunidade para mostrar o mellor da nosa terra e que os visitantes se convertan en embaixadores do noso concello”.

Tamén desde o sector económico valórase positivamente a iniciativa. A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou: “A fin de semana vai ser decisiva para a hostalería, o comercio e os servizos. O torneo é un claro exemplo de como o deporte e o turismo poden ir da man para dinamizar Ribadeo”.

Desde a organización, Juan Rodríguez Peceux, presidente da asociación de veteranos do Ribadeo FC, agradeceu o apoio recibido e animou a participantes e visitantes a “gozar da experiencia deportiva e da beleza da nosa contorna”.

⚙ Configurar cookies
0.16589117050171