Ribadeo prepárase para acoller o 29 de setembro a Heroican Race

AMariñaXa
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima “a achegarse a calquera punto do percorrido a desfrutar desta carreira de obstáculos"
Heroican-Race-Ribadeo
22 sep 2024

Ribadeo prepárase para acoller o 29 de setembro a Heroican Race, a carreira de obstáculos máis apaixonante da Mariña lucense. O percorrido será duns 7 a 9 quilómetros e os participantes deberán sortear preto de trinta obstáculos.

A carreira estará limitada a 12 tandas, que tomarán a saída cada 15 minutos. A primeira sairá ás 10.00 horas da mañá e a última ás 12.45 horas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados tanto masculino como feminino das categorías elite e popular competitiva.

As tandas open/populares participarán en sorteos por dorsais de distintos premios, independentemente do posto acadado na carreira.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima “a achegarse a calquera punto do percorrido a desfrutar desta carreira de obstáculos, que vai traer a moita xente a vindeira fin de semana a Ribadeo. Hai arredor de 350 participantes, que virán acompañados de familiares ou amizades co que iso vai supoñer para a nosa vila”. E engade: “é a terceira vez que a Heroican Race se celebra en Ribadeo e estamos encantados de acoller aquí esta cita”.

A Heroican Race está organizada polo Grupo BeOne, que conta coa colaboración do Concello de Ribadeo.

0.15062999725342