Ribadeo planifica as inversións para o 2025
O Concello de Ribadeo planifica as súas inversións para o ano 2025 como así abordaron no pleno extraordinario. O alcalde, Dani Vega, falou de planificación e inversión cara ao 2025: “O que pretendemos desde o Concello é organizar as inversións para o ano 2025. Debe haber unha planificación e por iso aprobamos unha serie de actuacións no pleno". Por exemplo, pretenden adquirir o edificio de Casa Maseda e darlle un uso concreto como pode ser oficina de turismo.
O rexedor dixo que “estamos nos primeiros pasos, estamos desde un punto de vista burocrático e administrativo, pero necesitábamos aprobar para ter esa cantidade orzamentaria de 110.000 euros para camiñar, para adquirir ese edificio, que
evidentemente non está dando unha boa imaxe no medio do pobo, incluso corre risco de derrubarse a cuberta ante o mal estado no que se atopa, e polo tanto debemos dar un paso para que o Concello adquira un edificio no medio do pobo, nun punto estratéxico, e desde o logo darlle un uso importante”.
Melloras en rúas
Sobre as infraestruturas indicou que tamén queren actuar e mellorar. "Hai moito tempo que non se leva a cabo unha planificación de inversión nas nosas vías de comunicación, nas nosas rúas e polo tanto debemos actuar, na rúa da Paz por exemplo, no casco vello, que está certamente abandonada, ou na rúa San Francisco, na Avenida de Galicia, debemos facer unha serie de actuacións, dado que hai puntos concretos que non se atopan en moi bo estado, ou na rúa Vilalba, no Barrio da Torre, na rúa Suso Peña e Alza-San Lázaro, ou na rúa Reinante e tamén en varias rúas en Rinlo”.
E sinalou que “para incluso xestionar inversión e subvencións, debemos ter unha partida presupostaria municipal para poñer as porcentaxes. En moitas delas a Xunta pon o 75 % ou o 80 % e o restante debemos planificalo desde o Concello e por iso parécenos importantes ter unha partida destinada a rúas e así non ter que ir a outras partidas e despois ter problemas á hora de afrontar os pagos. Este primeiro presuposto que podemos dicir que é mais noso, mais deste goberno, creo que é importante a planificación á hora da inversión”.
O BNG, crítico coa contratación de préstamos
Pola súa parte, o BNG critica a capacidade para a xestión da contratación de préstamos bancarios. "O grupo municipal do PP acaba de aprobar os pregos para a contratación dun préstamo de 950.000 euros con carencia de dous anos. Esta carencia de dous anos vai provocar que o concello de Ribadeo teña que pagar máis xuros dos habituais en comparación con préstamos solicitados anteriormente". Aseguran que solicitando un crédito con carencia de dous anos, "sempre pagaremos máis xuros que se o solicitásemos con carencia dun ano".
Dada a situación económica do concello destacan que só se pode negociar préstamos cun tipo de xuros máis elevado que nos préstamos anteriores. Tamén destacan a "teimuda actitude" do alcalde. "Empéñase en acaparar as intervencións no pleno e gárrase ao micro como se non houbese un mañá dicindo cousas sen xeito. Tan desbocadas son as súas intervencións que, pasada media hora, ou menos incluso, ten que dicir o contrario", sosteñen.