Ribadeo pide á Deputación que aclare ás familias a suba das tarifas da residencia de maiores

AMariñaXa
O goberno local mostra a súa desconformidade co incremento dos prezos e asegura que nin o Concello nin as familias foron informados previamente dos cambios nas cotas mensuais
residencia-maiores-Ribadeo
21 Sep 2026

O Concello de Ribadeo reclamou á Deputación de Lugo que informe de maneira clara ás familias dos usuarios da residencia de maiores sobre o incremento das tarifas mensuais que deben afrontar. O goberno municipal asegura que existe preocupación e desconcerto entre os afectados ante uns cambios sobre os que, segundo sostén, non recibiron explicacións suficientes.

A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, trasladou esta petición á institución provincial ao considerar necesario que se detalle tanto o alcance da subida como a súa repercusión para cada residente.

"Desde o Concello de Ribadeo queremos solicitar á Deputación de Lugo que informe claramente ás familias da suba do prezo da residencia por usuario, xa que ata o momento non se fixo e as familias, como é lóxico, atópanse bastante perdidas", manifestou Sierra.

A responsable municipal de Benestar Social advertiu ademais de que o incremento non estaría afectando do mesmo xeito a todos os usuarios e asegurou que existen "casos realmente escandalosos" que, segundo afirmou, "non entenden nin comparten os residentes, as súas familias nin este equipo de goberno".

Desde o executivo ribadense tamén cuestionan a falta de comunicación previa por parte da Deputación. Sierra asegurou que o Concello non recibiu información sobre a modificación das tarifas antes da súa aplicación e mostrou publicamente a súa oposición á medida.

"Queremos mostrar a nosa desconformidade ante esta suba, da que non fomos informados en ningún momento, e quero recalcar isto", incidiu a concelleira.

Por este motivo, o Concello reclama á institución provincial que facilite datos concretos sobre os novos prezos e os criterios aplicados para determinar as cantidades que debe aboar cada usuario, de maneira que tanto a administración municipal como as propias familias poidan coñecer con claridade a súa situación.

"O mínimo que deben facer desde a Deputación é ofrecer datos claros ao Concello de Ribadeo e, por suposto, ás familias dos residentes desta instalación", concluíu Sierra.

0.15700602531433