Ribadeo organiza un magosto solidario con Preto de Ti e a Asociación Fraternidad

Ribadeo celebrará o vindeiro sábado 14 de novembro unha nova edición do magosto de Preto de Ti, unha proposta aberta a toda a veciñanza que combinará tradición, convivencia e solidariedade. A actividade desenvolverase na Praza de Abastos e contará coa colaboración da Asociación Fraternidad.
Baixo o lema "As castañas que nos unen", a xornada pretende favorecer a participación social, a inclusión e o encontro entre as persoas maiores e os habitantes das distintas parroquias. A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, explicou que a iniciativa busca crear un espazo compartido no que teñan cabida a música, os xogos tradicionais e as actividades solidarias.
O programa comezará ás 16.00 horas cunha benvida e unha merenda organizada por Preto de Ti e a Asociación Fraternidad. Unha hora despois, ás 17.00, iniciarase a venda solidaria de castañas. Todo o recadado con esta actividade entregaráselle integramente á asociación. Ademais, cada persoa que merque un cucurucho recibirá un número para participar nun sorteo previsto para as 19.00 horas.
A música e o entretemento chegarán ás 17.30 horas da man de Cantos da Terra, que animará a tarde con xogos populares e baile, nunha proposta pensada para facilitar a participación de persoas de todas as idades.
Elena Sierra puxo en valor a importancia de celebracións deste tipo para conservar as tradicións galegas e, ao mesmo tempo, impulsar a socialización, o envellecemento activo e a creación de vínculos entre a veciñanza. A edil tamén animou a participar nesta convocatoria festiva e solidaria, que busca converter o magosto nunha oportunidade para compartir e apoiar o labor da Asociación Fraternidad.