Ribadeo organiza un curso de defensa persoal feminina o 12 de setembro

AMariñaXa
A actividade desenvolverase en dúas quendas no Centro Sociocomunitario e as inscricións permanecerán abertas ata o 4 de setembro
autodefensa-defensa-persoal
23 Aug 2026

A Área de Igualdade do Concello de Ribadeo pon en marcha unha nova actividade formativa dirixida ás mulleres coa organización dun curso de defensa persoal feminina, que se celebrará o vindeiro 12 de setembro no Centro Sociocomunitario.

A iniciativa está promovida a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Ribadeo e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

Co obxectivo de facilitar a participación das persoas interesadas, a formación desenvolverase en dúas quendas ao longo da xornada. A sesión da mañá terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas, mentres que pola tarde o curso se impartirá de 16.00 a 20.00 horas.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que o período para anotarse comeza este xoves, 20 de agosto, e permanecerá aberto ata o 4 de setembro, ambos os días incluídos.

Deste xeito, o Concello de Ribadeo busca facilitar diferentes opcións horarias para que as mulleres interesadas poidan participar nesta proposta centrada na aprendizaxe de técnicas de defensa persoal.

0.12107515335083