Ribadeo move ficha para impulsar un novo campo de herba artificial

AMariñaXa
O Concello busca o apoio da Xunta e da Deputación para dotar ao municipio dunha infraestrutura deportiva demandada desde hai anos
campo-de-futbol-recurso
18 Dec 2025

O Concello de Ribadeo iniciou xestións ante a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo para facer realidade un novo campo de fútbol de herba artificial, unha dotación que o goberno local considera prioritaria para dar resposta ás necesidades do deporte base e federado. O alcalde, Dani Vega, mantivo recentemente un encontro coa SD Ribadeo e co Ribadeo FC co obxectivo de coordinar esforzos e avanzar de maneira conxunta neste proxecto.

Segundo explicou o rexedor, a reunión serviu para compartir a diagnose dunha carencia que non é recente. A demanda dun campo de herba artificial, sinalou, leva sobre a mesa moito tempo e responde a unha necesidade urxente do fútbol local. Vega recoñeceu que o actual mandato tivo que afrontar múltiples retos e prioridades, mais subliñou que a planificación municipal pasa por atender as demandas máis relevantes da veciñanza e do tecido deportivo.

O alcalde lembrou tamén que o Concello leva anos investindo na mellora das instalacións deportivas existentes. Nese sentido, destacou as actuacións realizadas no campo Pepe Barrera, así como os traballos de mantemento e acondicionamento noutros espazos deportivos, como o pavillón da rúa Alfredo Deaño ou o de Cubelas. A estas intervencións súmanse outras melloras orientadas tanto á conservación das infraestruturas como á recuperación de instalacións que presentaban un notable estado de deterioro.

Dani Vega lanzou unha mensaxe clara sobre o obxectivo que se marca o goberno local: dotar a Ribadeo dun campo de herba artificial. Asegurou que o Concello vai insistir de maneira constante para conseguilo e agradeceu o respaldo e a implicación tanto da SD Ribadeo como do Ribadeo FC. Ao seu xuízo, o traballo conxunto e leal entre administración e clubs é clave para avanzar e acadar resultados.

O Concello xa trasladou unha solicitude formal á Deputación de Lugo, á espera de resposta, e ten previsto instar tamén á Xunta de Galicia a colaborar no financiamento da infraestrutura. Vega confía en que as distintas administracións estean á altura e aposten por sumar esforzos para que Ribadeo continúe mellorando as súas instalacións deportivas e ofrecendo servizos acordes ás necesidades actuais.

⚙ Configurar cookies
0.076148986816406