Ribadeo mobilízase contra a expansión da herba da Pampa cunha xornada de voluntariado

AMariñaXa
A actividade, promovida polo Concello e Galicia Ambiental, celebrarase o 18 de outubro no polígono industrial e busca actuar sobre exemplares illados antes de que se convertan en novos focos de dispersión
herba-da-pampa
1 Oct 2026

O Concello de Ribadeo e a Asociación Galicia Ambiental organizarán o vindeiro 18 de outubro unha xornada de voluntariado para sensibilizar sobre o impacto das especies invasoras e, en particular, para contribuír ao control da herba da Pampa (Cortaderia selloana). Baixo o lema "Ribadeo sen plumeiros", a iniciativa centrarase na retirada de exemplares desta planta nas rúas e na zona industrial do municipio.

O punto de encontro será a gasolineira do polígono industrial de Ribadeo ás 09:00 horas. A actividade pretende implicar directamente á cidadanía nos labores de prevención e control, actuando sobre plantas illadas antes de que poidan multiplicarse e dar lugar a novos focos de expansión.

A elección de Ribadeo responde á súa situación xeográfica. Segundo Galicia Ambiental, A Mariña lucense é actualmente unha zona de risco para a expansión da especie na provincia de Lugo pola proximidade das importantes poboacións de herba da Pampa existentes no occidente asturiano. As sementes poden dispersarse a través das principais vías de comunicación, especialmente pola A-8, a N-634 e a vía férrea de FEVE.

A xornada permitirá retirar plumeiros antes de que liberen milleiros de sementes que poderían dar lugar a novas plantas no municipio. Ademais, os traballos servirán para mellorar o coñecemento sobre a distribución da especie, de cara ás futuras actuacións de extracción previstas a partir de xaneiro de 2027.

A participación cidadá forma parte das actuacións de sensibilización desenvolvidas por Galicia Ambiental no marco do proxecto europeo LIFE Coop Cortaderia 2024-2028, que contempla a colaboración con concellos, colectivos locais e centros educativos, así como intervencións directas para eliminar exemplares da especie invasora.

A asociación defende actuar seguindo o principio de "ir de menos a máis", é dicir, eliminar primeiro as plantas que apareceron recentemente para evitar que a súa expansión obrigue posteriormente a realizar intervencións máis complexas.

Galicia Ambiental tamén sinala o papel da ría de Ribadeo como fronteira natural, xa que pode reducir a chegada de sementes procedentes de Asturias cara á costa lucense. No lado asturiano, con todo, a situación é máis avanzada: as marxes da A-8 presentan unha importante presenza de herba da Pampa e a especie comeza tamén a aparecer en zonas de pradeira do interior da franxa costeira do occidente asturiano.

A proximidade destes focos e a existencia de exemplares illados en territorio lucense fan necesario, segundo a asociación, actuar de maneira preventiva. Un dos puntos que consideran especialmente sensibles é o polígono industrial de Ribadeo, onde se detectaron ducias de plantas en diferentes parcelas. A eliminación destes exemplares permitiría evitar que se convertan en importantes focos de dispersión.

Galicia Ambiental considera tamén necesaria a colaboración dos centros responsables do mantemento da A-8 na comarca para eliminar as plantas que xa están presentes nesta vía e que proceden do outro lado do Eo. A asociación sinala que non pode intervir directamente nalgúns destes espazos por motivos de seguridade.

A entidade aposta, ademais, por ampliar as actuacións ao conxunto da Mariña lucense. A súa proposta pasa por localizar, controlar e eliminar os exemplares existentes nos diferentes municipios e realizar un seguimento das zonas máis expostas á chegada de sementes.

O obxectivo é evitar que a presenza actual, aínda localizada en determinados puntos, evolucione cara a unha expansión de maiores dimensións, como xa aconteceu noutras áreas do Arco Atlántico, entre elas as Rías Baixas, o Golfo Ártabro e boa parte da costa asturiana.

Desde Galicia Ambiental consideran que a situación actual ofrece unha oportunidade para actuar antes de que a especie se consolide no territorio. Por iso, defenden aproveitar este momento para implicar tanto ás administracións locais como á cidadanía e evitar que A Mariña reproduza procesos de expansión xa experimentados noutras zonas.

A xornada "Ribadeo sen plumeiros" pretende ser, neste sentido, unha nova acción preventiva e de participación social para contribuír ao control da herba da Pampa e á protección do territorio fronte á expansión desta especie invasora.

0.68489193916321