Ribadeo levará ás parroquias nove charlas para aprender a coidar o corazón e previr infartos

O Concello de Ribadeo porá en marcha o vindeiro 10 de novembro unha nova actividade do programa municipal Preto de ti, cun ciclo de charlas sociosanitarias centradas na prevención das enfermidades cardiovasculares. Baixo o título "Coidando ao corazón", a iniciativa pretende achegar á veciñanza recomendacións e ferramentas prácticas para adoptar hábitos saudables e reducir os riscos asociados a este tipo de problemas de saúde.
As sesións permitirán coñecer mellor os principais factores de risco cardiovascular, entre eles a diabetes, o colesterol elevado e a hipertensión arterial. Tamén se abordará como identificar os síntomas de alarma dun infarto e cales son as principais diferenzas entre esta patoloxía e un ictus.
A proposta desenvolverase cun formato dinámico e participativo, pensado para facilitar a comprensión dos contidos e resolver as dúbidas das persoas asistentes. A finalidade é que a información se traduza en pequenos cambios nas rutinas diarias que contribúan ao coidado persoal e á prevención.
A encargada de impartir as charlas será María Roel, enfermeira do Concello de Ribadeo, que ofrecerá orientacións sobre autocuidado, detección temperá e prevención. O ciclo chegará a distintas parroquias e localidades durante o mes de novembro, con nove convocatorias.
A primeira terá lugar o día 10 ás 18.00 horas en Vilaselán. Ao día seguinte, ás 16.45 horas, celebrarase en Rinlo. A programación continuará o 16 de novembro en Cinxe, ás 16.15 horas, e o día 17 haberá dúas sesións: ás 10.00 horas na Devesa e ás 16.15 en Vilaframil. Cedofeita acollerá a seguinte cita o día 19, ás 16.15 horas, mentres que Couxela terá a súa quenda o 20, ás 11.30. O calendario rematará o 24 de novembro en Arante, ás 16.30 horas, e o día 25 en Ribadeo, ás 18.30.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, anima a participar nestas actividades e lembra que "a saúde é o máis importante que temos e a prevención é fundamental para evitar problemas maiores". A edil destaca que o Concello busca achegar información, resolver preguntas e facilitar recursos para que a cidadanía poida coidarse mellor.
Sierra enmarca esta iniciativa no compromiso municipal coa promoción da saúde, a prevención das enfermidades e a mellora da calidade de vida, mediante actividades próximas e adaptadas ás necesidades da poboación.