Ribadeo leva aos centros educativos novas actividades sobre igualdade e diversidade

O Concello de Ribadeo desenvolverá ao longo dos próximos meses unha ampla programación destinada a fomentar a igualdade, previr a violencia de xénero e sensibilizar sobre a diversidade entre o alumnado do municipio. As propostas, que inclúen contacontos, unha xincana, obradoiros e charlas, foron presentadas no Consello Municipal das Mulleres celebrado este martes.
As primeiras actividades chegarán en novembro. Do 16 ao 20 dese mes desenvolverase unha xincana contra a violencia de xénero dirixida ao alumnado de 1º e 2º da ESO, mentres que entre o 23 e o 27 terá lugar o contacontos 'Boti Boti', pensado para escolares de Educación Primaria.
A programación de novembro completarase arredor do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O Concello impulsará un proxecto colaborativo no que convida a participar aos centros educativos, asociacións de mulleres, colectivos e veciñanza. A iniciativa consistirá na creación dun mural artístico de gran formato formado por mandalas elaborados a crochet.
As accións continuarán durante o segundo trimestre do curso. Na última semana de febreiro impartiranse obradoiros de educación sexual a cargo de Prisma para alumnado de 4º e 5º de Primaria e de 3º e 4º da ESO. Xa no último trimestre escolar está prevista a celebración de charlas centradas na diversidade.
O Consello Municipal das Mulleres serviu tamén para facer balance das iniciativas desenvolvidas durante os últimos meses. Na reunión participaron a directora xeral de Promoción da Igualdade do Goberno autonómico, Eloína Injerto, e o director territorial de Política Social en Lugo, Óscar Viñas.
Entre as novas propostas abordadas figura a creación, por parte do Centro de Información ás Mulleres (CIM), dun grupo de apoio para mulleres vítimas de violencia de xénero. O obxectivo é ofrecer un novo recurso de acompañamento e crear un espazo de apoio mutuo.
A Concellería de Igualdade tamén lembra que ata o 10 de setembro permanece aberto o prazo para anotarse no curso de defensa persoal feminina previsto para o día 12 no centro sociocomunitario de Ribadeo. A actividade desenvolverase en dúas quendas, unha pola mañá e outra pola tarde.
Outra das citas destacadas chegará o 25 de setembro, ás 20.30 horas, coa inauguración do mural dedicado a Manuela Barreiro Pico. A obra, realizada polo artista Diego As, poderá contemplarse nun inmoble situado na esquina das rúas Ramón González e San Roque. O Teatro acollerá ademais outras actividades en lembranza desta farmacéutica ribadense, que foi a primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela.
O CIM e a Concellería de Igualdade traballan xa en novas propostas que se desenvolverán nas próximas semanas e que serán anunciadas proximamente.