Ribadeo inviste 190.000 euros na renovación do pavillón da rúa Alfredo Deaño

O Concello de Ribadeo completou un investimento de 190.000 euros para mellorar o pavillón situado na rúa Alfredo Deaño, unhas instalacións que presentaban serias deficiencias e precisaban unha actuación inmediata. As obras foron visitadas hoxe polo alcalde, Dani Vega, e polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, quen valoraron os arranxos realizados e o impacto que suporán para os usuarios.
Segundo explicou Vega, a cuberta do pavillón atopábase en moi mal estado, con chapas ausentes que provocaban filtracións constantes. “Chovía máis dentro que fora, a pista non se podía utilizar durante boa parte do ano e incluso tivemos que poñerlle o solo ao espazo destinado aos Amigos da Gaita”, sinalou o rexedor.
O proxecto incluiu tamén a reparación dos vestuarios, baños, locais de almacenamento de material e equipamento, así como da pista principal, asegurando que agora as instalacións poden ser usadas con seguridade e confort. Vega destacou que o mantemento futuro será clave para prolongar a vida da infraestrutura e evitar que se deteriore de novo.
O alcalde salientou que “o primeiro paso está dado coa inversión realizada, arranxadas a cuberta, as instalacións e a pista, e agora debemos garantir a conservación continua do pavillón”. Engadiu que o Concello seguirá investindo progresivamente en todas as instalacións deportivas, combinando planificación e xestión responsable do orzamento.