Ribadeo iniciará un proxecto de 300 vivendas, o 80 % protexidas

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, valorou como “unha gran noticia” que o Consello da Xunta abordase un proxecto de interese autonómico para desenvolver 7,6 hectáreas destinadas á construción de 300 vivendas, das cales o 80 % serán protexidas. Segundo explicou o rexedor, esta iniciativa suporá “unha inversión a futuro que transformará Ribadeo e reforzará o crecemento do concello”.
Vega destacou que o proxecto sitúa a Ribadeo xunto ás principais cidades galegas no ámbito urbanístico e subliñou a colaboración entre técnicos municipais e da Xunta para concretar o espazo e definir o seu desenvolvemento. O alcalde lembrou que “levamos meses traballando para delimitar o solo e garantir que esta actuación sexa posible, e seguiremos esforzándonos para que Ribadeo avance e se consolide como unha vila moderna e acolledora”.
Segundo Vega, este proxecto reflicte o compromiso da Xunta de Galicia por potenciar a vila como “capital do encontro” entre Galicia e Asturias, ao mesmo tempo que satisface a demanda de vivenda protexida na zona.