Ribadeo iniciará o 21 de setembro a recollida porta a porta de plásticos agrícolas

Ribadeo porá en marcha o luns 21 de setembro unha nova campaña de recollida porta a porta de plásticos agrícolas nas explotacións do municipio. O servizo prolongarase durante os días que sexan necesarios para atender todos os avisos que se reciban dentro do prazo establecido.
As explotacións que precisen facer uso desta recollida deberán comunicalo previamente a través do Punto Limpo municipal, no teléfono 664 00 09 32. O prazo para solicitar o servizo permanecerá aberto ata o venres 18 de setembro.
Os avisos poderán realizarse no horario habitual do Punto Limpo: de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 18.30 horas, e os sábados, de 9.00 a 13.00 horas.
Para facilitar os traballos e garantir que o servizo se desenvolva nas condicións adecuadas, os responsables das explotacións deberán depositar previamente os plásticos nun punto facilmente accesible para o vehículo encargado da recollida.
Desde a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo solicitan a colaboración das persoas usuarias, especialmente á hora de colocar correctamente estes residuos e escoller un lugar que permita ao camión achegarse e realizar a retirada sen dificultades.
A campaña permitirá deste xeito retirar directamente das explotacións os plásticos agrícolas, evitando que os seus responsables teñan que trasladalos polos seus propios medios. A recollida comezará o día 21 e continuará ata completar todos os avisos comunicados en tempo e forma.