Ribadeo inicia esta noite o programa Noites de Verán cun torneo de fútbol sala 3x3

O Concello de Ribadeo pon en marcha este luns o programa Noites de Verán, unha iniciativa organizada polas concellerías de Mocidade e Deportes que ofrecerá durante os próximos meses distintas actividades deportivas e de lecer dirixidas á mocidade.
A programación arrinca esta noite na pista multideporte cun mini torneo de fútbol sala 3x3, que se celebrará tamén os días 14 e 15 de xullo en horario de 22.00 a 00.00 horas. A competición desenvolverase nas categorías sub-12, sub-15, sub-17 e sénior.
Do 20 ao 22 de xullo, no mesmo escenario e co mesmo horario, terá lugar un mini torneo de baloncesto 3x3, tamén dividido por categorías de idade.
As actividades continuarán mañá, 14 de xullo, coa celebración dunha festa acuática na praia dos Bloques, entre as 16.00 e as 19.30 horas. A proposta incluirá inchables na auga, kaiak e pádel, e volverá repetirse o 20 de agosto no mesmo lugar e horario.
O calendario de verán complétase con novas actividades acuáticas. O 29 de xullo organizarase unha xornada de kaiak, mentres que o 30 de xullo será a quenda do pádel surf, ambas entre as 16.00 e as 19.30 horas. Ademais, os deslizadores acuáticos estarán dispoñibles o 4 de agosto de 16.00 a 19.30 horas e os días 5, 6 e 7 de agosto en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, animou á mocidade a participar na programación estival. “As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse á Casa da Xuventude ou chamando por teléfono ao 982 129 889”, indicou.
O programa de actividades de verán foi presentado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.