Ribadeo inicia a mellora das pasarelas e varandas da ría cun investimento de 50.000 euros

AMariñaXa
Os traballos arrancarán o luns e obrigarán a pechar a pasarela situada xunto ao edificio de remo polo seu avanzado estado de deterioración
pasarela-deteriorada-Ribadeo
11 Sep 2026

O vindeiro luns comezarán as obras de mellora e conservación das pasarelas, varandas e outros equipamentos situados na contorna da ría de Ribadeo. A actuación contará cun investimento próximo aos 50.000 euros, procedente dunha achega do Goberno autonómico, e busca actuar sobre unhas infraestruturas que, segundo o Concello, acumulan anos sen unha conservación adecuada.

Un dos primeiros puntos nos que se intervirá será a pasarela situada xunto ao edificio de remo, que permanecerá pechada ao público durante os traballos debido ao seu estado. O alcalde, Dani Vega, explicou que a estrutura presenta importantes danos tanto nas vigas como nos soportes, polo que será necesario acometer a súa renovación.

"A partir do luns a pasarela que está moi pegadiña ao edificio de remo vai estar pechada porque está completamente destrozada", sinalou o rexedor, que incidiu na necesidade de actuar por razóns de seguridade.

CONSERVACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS

Vega defendeu que a conservación dos equipamentos xa existentes debe acompañar á execución de novos proxectos. "É importante facer, pero é moito máis importante conservar o que hai feito", afirmou.

Segundo explicou o alcalde, existen pasarelas na contorna da ría e no percorrido que chega ata Rinlo que se atopan "nun estado lamentable", polo que o Concello buscou financiamento para abordar a súa recuperación.

O rexedor destacou tamén o elevado uso destes espazos por parte da veciñanza para camiñar, practicar deporte e realizar actividades ao aire libre, o que, ao seu xuízo, incrementa a importancia de mantelos en condicións adecuadas de seguridade.

"Por motivos de seguridade non podemos ser irresponsables e non buscar o orzamento necesario", manifestou Vega. Neste sentido, explicou que o Concello xestionou a achega económica necesaria para acometer a rehabilitación e "mellorar toda unha contorna que debemos coidar".

0.11809492111206