Ribadeo inicia a maior actuación da súa historia para limpar e mellorar os camiños rurais

AMariñaXa
Os primeiros traballos comezaron en Cedofeita e Piñeiro, dúas das zonas afectadas polos incendios que queimaron 2.750 hectáreas xunto con Vilaframil e parte da Devesa
limpeza-camiños-ribadeo
26 Sep 2026

O Concello de Ribadeo iniciou en Cedofeita e Piñeiro os traballos de limpeza e mellora dos camiños rurais incluídos no Plan Avanza Rural, unha actuación que o alcalde, Dani Vega, cualifica como a maior investimento realizado ata o momento no municipio neste ámbito.

O rexedor explicou que o programa abrangue diferentes tipos de vías, desde estradas principais ata pistas de concentración e camiños forestais. Segundo sinalou, o obxectivo é recuperar e acondicionar estas vías despois de anos nos que moitas delas permaneceron sen mantemento.

Vega destacou a colaboración entre o Concello, a Xunta de Galicia e as asociacións veciñais para identificar os trazados e coñecer o estado das pistas. “Había moitos anos de abandono e foi moi complicado trazar onde íamos facer todos os traballos porque moitos camiños estaban todos abandonados, non se sabía moi ben por onde ían”, explicou.

Os traballos inclúen a limpeza da vexetación, a apertura de cunetas e tajeas e a retirada de árbores situadas sobre as propias pistas. Tamén se está a empregar maquinaria para ampliar e acondicionar os camiños, algúns dos cales, segundo o Concello, pasan de ter arredor de dous metros de ancho a chegar aos oito metros.

O alcalde salientou a importancia destas actuacións para facilitar o acceso de maquinaria en caso de incendio e para mellorar a seguridade das vías forestais. Neste sentido, lembrou que os traballos se desenvolven ao abeiro da normativa forestal e reclamou tamén responsabilidade aos propietarios para manter os camiños en boas condicións.

Outro dos aspectos nos que incidiu Vega foi no transporte da madeira. O rexedor lembrou a necesidade de cumprir a ordenanza municipal durante as operacións de saca e sinalou que os camións deben acceder ás fincas e realizar alí a carga sempre que sexa posible, evitando que maquinaria pesada circule polas pistas cando existen alternativas.

Os primeiros traballos concentranse en Cedofeita e Piñeiro, dúas zonas nas que, segundo explicou o alcalde, era necesario actuar debido ao estado de abandono dalgunhas pistas. Ambas as áreas, xunto con Vilaframil e parte da Devesa, resultaron afectadas por incendios que queimaron conxuntamente 2.750 hectáreas.

A actuación require nalgúns puntos o emprego de bulldozer para abrir camiños que se atopaban completamente pechados pola vexetación. Vega sinalou que aínda quedan moitas zonas por acondicionar e que os traballos continuarán de acordo coa planificación prevista.

O alcalde destacou que o investimento procede da Xunta de Galicia, mentres que a xestión corresponde ao Concello, nunha actuación na que tamén participan as asociacións veciñais. “É a primeira vez que se fai unha limpeza de todas as pistas, é a maior inversión da historia na limpeza das pistas”, afirmou Vega, que vinculou a mellora das vías coa planificación forestal e coa prevención e loita contra os incendios.

O rexedor agradeceu finalmente a colaboración da Xunta e sinalou que o Concello continuará cos traballos, xa que, segundo indicou, “queda moito por facer”.

0.15895009040833