Ribadeo inicia a conta atrás para a celebración do XI Ribadeo Indiano

Ribadeo comeza xa a quentar motores para unha das celebracións máis multitudinarias e recoñecidas do verán na Mariña. O Concello e Acisa presentaron este mércores o cartel anunciador do XI Ribadeo Indiano, que se desenvolverá entre os días 10 e 12 de xullo e que volverá transformar a vila nun espazo inspirado na época da emigración ás Américas.
No acto participaron o alcalde, Dani Vega, xunto ás concelleiras e concelleiros Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Francisco José Silvent e Diego Dos Santos, ademais da presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, e o xerente da asociación empresarial, Jesús Pérez.
Desde a organización explicaron que Ribadeo “comeza a respirar ambiente indiano” coa chegada do mes de maio, iniciando así a conta atrás para unha celebración que cada ano reúne milleiros de visitantes tanto na vila como noutros puntos da contorna. Concello e Acisa sinalaron que nestes momentos están a pechar os últimos detalles dunha programación que será presentada nos próximos días.
A festa, consolidada xa como unha das grandes referencias culturais e turísticas do verán galego, volverá apostar pola recreación histórica, a música, a gastronomía, a decoración de rúas e edificios e a implicación do tecido comercial e asociativo local.
Un dos espazos centrais da programación será novamente o Mercado de Ultramar, previsto para o 11 de xullo. A organización acaba de publicar as bases para participar nesta proposta, concebida como un lugar de encontro e ambientación histórica inspirado nos intercambios comerciais e culturais entre Galicia e América a finais do século XIX e comezos do XX.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 14 de xuño e poderán participar tanto persoas físicas como xurídicas vinculadas á temática indiana ou á recreación da época.
Segundo recollen as bases, o mercado poderá incluír postos relacionados con produtos da horta chegados historicamente das Américas, como patacas, tomates, millo ou pementos, ademais de café, cacao, chocolates, especias, doces tradicionais e produtos latinos de alimentación.
Tamén haberá espazo para artigos de artesanía, roupa e complementos de inspiración indiana, libros e publicacións relacionadas coa emigración, antigüidades, flores tropicais e diferentes oficios tradicionais como zapateiros, zoqueiros ou barquilleiros.
A ambientación histórica volverá ser unha das grandes apostas da organización, que pretende recrear durante toda a fin de semana o espírito da emigración ultramarina que marcou profundamente a historia social e económica de Ribadeo e doutras vilas galegas.
Desde o Concello e Acisa destacan que o Ribadeo Indiano se converteu nun importante motor económico e turístico, cun impacto notable na hostalaría, no comercio e na actividade cultural da comarca durante os días da celebración.