Ribadeo incorpora o piano centenario de Luz Pozo Garza á súa Escola de Música nun acto de homenaxe

AMariñaXa
O instrumento, xunto cun retrato da poeta, foi doado pola súa familia e protagonizou unha emotiva xornada nas vésperas do Día do Libro
Ribadeo-entrega-piano-Luz-Pozo-2026
23 Apr 2026

Ribadeo viviu esta tarde un acto cargado de emoción e simbolismo coa recepción da doazón do piano e dun retrato da poeta Luz Pozo Garza, que xa forman parte da Aula número 4 da Escola Municipal de Música e Danza.

O encargado de facer a entrega foi Gonzalo Vázquez Pozo, quen explicou ante o público asistente que o instrumento conta con 123 anos de antigüidade. Durante a súa intervención, tamén deu lectura ao poema Ribadeo, Ribadeo, unha peza da súa nai que serviu para reforzar o carácter homenaxe da xornada.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, abriu o acto cun agradecemento á familia da autora e cunha referencia literaria, ao ler un fragmento dun texto de Lois Celeiro incluído na obra Andares. O evento serviu así para lembrar á poeta ribadense no cabodano do seu pasamento e ás portas da celebración do Día do Libro.

Pola súa banda, o alcalde, Dani Vega, achegou ao público máis novo á figura de Luz Pozo Garza, relatando como se xestou a doazón e destacando a importancia de preservar o legado cultural da vila. O rexedor agradeceu expresamente a xenerosidade de Gonzalo Vázquez Pozo, así como a colaboración de Toni Deaño no proceso.

O acto rematou cun momento musical moi especial, coa interpretación dun vals composto pola propia poeta, grazas ao traballo de Hugo e Martín, cuxa implicación foi tamén recoñecida pola concelleira de Cultura.

O piano da autora ribadense soou así por primeira vez na Escola Municipal de Música e Danza, converténdose nun novo símbolo vivo da súa memoria e do seu vínculo coa cultura local.

0.13236713409424