Ribadeo impulsará seis vivendas públicas no casco histórico cun investimento superior aos dous millóns de euros

AMariñaXa
Os proxectos nas rúas Bispo Veres e Trinidade sairán a licitación tras a súa aprobación polo Consello da Xunta
Ribadeo-seis-vivenda-publicas-nas-ruas-Bispo-Veres-e-Trinidade-2025
15 Dec 2025

Ribadeo dará un novo paso na creación de vivenda pública coa posta en marcha de seis novos fogares no casco histórico, situados nas rúas Bispo Veres e Trinidade, cun investimento global que supera os dous millóns de euros. Así o anunciou o alcalde, Dani Vega, quen destacou a importancia dunha actuación que combina a rehabilitación patrimonial coa resposta ás necesidades de acceso á vivenda.

Segundo explicou o rexedor, na rúa Bispo Veres actuarase sobre dous inmobles que permitirán crear catro vivendas, cun orzamento de 1,6 millóns de euros, mentres que na rúa Trinidade se habilitarán dúas vivendas máis cun investimento de 500.000 euros. “En total serán seis vivendas públicas que se incorporarán ao parque municipal”, sinalou.

Para Vega, o obxectivo desta iniciativa é dobre: incrementar a oferta de vivenda pública e, ao mesmo tempo, continuar co labor de coidado e conservación do casco histórico de Ribadeo. Neste sentido, subliñou que os proxectos foron aprobados no Consello da Xunta e que a súa licitación permitirá iniciar canto antes os traballos de rehabilitación, axilizando os prazos para que estas vivendas poidan estar dispoñibles o antes posible.

O alcalde cualificou a actuación como “unha moi boa noticia” para o municipio e avanzou que nos próximos días está prevista a visita da conselleira á zona para coñecer de primeira man os inmobles incluídos no proxecto. Ademais, insistiu en que tanto a Xunta de Galicia como o Concello comparten o mesmo enfoque: apostar pola construción e rehabilitación de inmobles de titularidade pública para destinalos a vivenda, especialmente en ámbitos históricos.

Dani Vega tamén quixo recoñecer o traballo técnico realizado ao longo dunha tramitación complexa, destacando a colaboración entre os servizos municipais e autonómicos. “Todo este esforzo tradúcese nun beneficio directo para Ribadeo”, afirmou, agradecendo tamén o apoio da conselleira e do presidente da Xunta polo seu compromiso coa vivenda pública, tanto no municipio como no conxunto da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.075934886932373