Ribadeo impulsa a renovación do Círculo Habanero da Devesa con apoio autonómico

AMariñaXa
A Xunta achega preto de 8.000 euros para acometer labores de pintado e mellora nun edificio emblemático do patrimonio indiano
circulo-habanero-devesa-ribadeo
27 Mar 2026

O Concello de Ribadeo levará a cabo unha nova actuación de mellora no Círculo Habanero da Devesa grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia, que destina preto de 8.000 euros a este proxecto centrado na conservación e posta en valor deste inmoble histórico.

O alcalde, Dani Vega, destacou que esta intervención responde á vontade do goberno local de seguir captando recursos que permitan avanzar na mellora das infraestruturas municipais. Neste caso, explicou que se trata dunha actuación demandada pola propia asociación vinculada ao Círculo Habanero, que viña advertindo das dificultades para asumir os custos necesarios para o mantemento do edificio.

Segundo indicou o rexedor, as xestións realizadas ante a Consellería de Cultura fixeron posible obter esta achega económica, que permitirá executar traballos de pintado e outras pequenas reformas no inmoble. Vega subliñou a relevancia deste espazo, tanto polo seu valor arquitectónico como pola súa importancia dentro do legado indiano presente no municipio, especialmente na parroquia da Devesa.

O alcalde lembrou que nos últimos anos xa se levaron a cabo diversas actuacións de conservación en edificios de interese local, unha liña de traballo que o Concello pretende manter. Neste sentido, incidiu na necesidade de seguir coidando espazos que forman parte da identidade colectiva e que, ademais de ter un uso social no día a día, constitúen un elemento clave da memoria histórica de Ribadeo.

0.12654781341553