Ribadeo impulsa a modernización da Avenida de América e pide apoio económico á Xunta

AMariñaXa
O Concello solicita unha achega de 350.000 euros para renovar un dos accesos principais ao municipio e mellorar a conexión co futuro Centro de Saúde
261021-Foto-Concello-Ribadeo
4 Dec 2025

O Concello de Ribadeo deu un novo paso na súa estratexia de mellora urbana e modernización das súas infraestruturas viarias. O alcalde, Dani Vega, anunciou que o goberno local está a traballar na renovación integral da Avenida de América, un dos puntos de entrada máis relevantes ao municipio, e que xa solicitou á Xunta de Galicia unha colaboración económica de 350.000 euros para facer posible esta actuación.

Vega explicou que o Concello mantivo recentemente unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, un encontro no que se abordaron diferentes necesidades e proxectos pendentes en Ribadeo. “A primeira cuestión que puxemos enriba da mesa foi a modernización e mellora da Avenida de América. Trátase dunha vía estratéxica, tanto pola súa función como acceso principal á vila como pola conexión directa que ofrece co novo Centro de Saúde”, indicou o rexedor.

Segundo avanzou, o proxecto será entregado no mes de febreiro, un paso que permitirá coñecer con maior precisión a marxe de colaboración que poderá asumir a administración autonómica. “Temos moitas esperanzas. É un investimento necesario para actualizar unha das portas de entrada máis transitadas de Ribadeo, especialmente agora que o novo Centro de Saúde vai concentrar un grande volume de desprazamentos. Modernizar esta vía é garantir comodidade, seguridade e unha mobilidade máis eficiente para a veciñanza”, subliñou Vega.

O alcalde tamén aproveitou o encontro coa conselleira para expoñer outras actuacións en marcha tanto en materia de infraestruturas como no ámbito da vivenda. “Foi unha reunión produtiva na que explicamos diferentes melloras que estamos impulsando. Nos próximos días anunciaremos novidades importantes relacionadas coa vivenda en Ribadeo”, sinalou.

Vega concluíu destacando que o Concello seguirá avanzando “pouco a pouco, pero de maneira constante, para que Ribadeo continúe mellorando e respondendo ás necesidades actuais e futuras da súa cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.075670003890991