Ribadeo implicará aos centros educativos e á veciñanza na programación do 25N

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Igualdade, preparou unha programación especial con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As actividades terán como principais destinatarios os escolares, pero tamén buscan implicar o conxunto da cidadanía na prevención e na loita contra as violencias machistas.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que a proposta combina iniciativas educativas adaptadas a diferentes idades con accións colectivas para promover a igualdade e a sensibilización social.
Entre as actividades dirixidas aos máis novos figura o contacontos "Botiboti", destinado ao alumnado de Educación Primaria de entre 6 e 12 anos. Desenvolverase do 23 ao 27 de novembro. Pola súa banda, os estudantes de primeiro e segundo da ESO participarán na xincana educativa "Caso 016. A xincana contra a violencia de xénero", que terá lugar do 16 ao 20 de novembro na Biblioteca Municipal.
Ambas as propostas pretenden axudar a identificar situacións de violencia, fomentar relacións baseadas na igualdade e achegar ferramentas de prevención a través de actividades adaptadas ás distintas etapas educativas.
A programación complétase coa iniciativa participativa "Tecemos Liberdade", coa que o Concello convida centros escolares, asociacións, colectivos e particulares a elaborar mandalas de gancho. As pezas uniránse para crear unha gran composición colectiva na Praza do 8M, como símbolo do compromiso compartido coa construción dun Ribadeo libre de violencias machistas.
Baixo o lema "Tecemos xuntas e xuntos un Ribadeo libre de violencias machistas", a proposta pretende representar a unión da sociedade arredor dunha mesma causa. A creación colectiva presentarase o propio 25 de novembro, ás 20.00 horas, na Praza do 8M. Durante o acto tamén se dará lectura ao manifesto institucional con motivo da xornada.
Ademais, a fachada da Casa do Concello iluminarase de cor violeta, nun xesto simbólico de apoio á igualdade e de rexeitamento da violencia contra as mulleres.
Begoña Sanjurjo destacou que a educación constitúe unha ferramenta esencial para previr estas situacións desde idades temperás. A edil tamén incidiu en que a erradicación da violencia machista precisa da participación de toda a sociedade durante todo o ano, e non só arredor dunha data sinalada.
A programación municipal busca así combinar a formación das novas xeracións coa implicación veciñal, trasladando a mensaxe de que a igualdade e a prevención da violencia son unha responsabilidade colectiva.