Ribadeo forma en primeiros auxilios e prevención de drogas a 146 estudantes de Secundaria

AMariñaXa
A cuarta edición do programa 'Saúde e Emerxencias' comezará o 3 de novembro e ensinará técnicas de reanimación cardiopulmonar, uso do desfibrilador e actuación ante intoxicacións
ribadeo-Foto-Saude-e-Emerxencias
2 Nov 2026

O Concello de Ribadeo porá en marcha o vindeiro martes 3 de novembro a cuarta edición do proxecto 'Saúde e Emerxencias', unha iniciativa dirixida ao alumnado de Secundaria e Formación Profesional Básica para achegar coñecementos sobre prevención do consumo de substancias e actuación ante situacións de urxencia sanitaria. O programa chegará a un total de 146 estudantes de catro centros educativos de Ribadeo e A Pontenova durante o mes de novembro.

A actividade está organizada pola Concellaría de Benestar Social, Saúde e Familia, no marco do Programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Adictivos. Nesta edición contará coa colaboración de Camilo Vázquez Corveiras, enfermeiro, coordinador autonómico de SEMES-RCP, instrutor de Soporte Vital Avanzado e doutorado.

A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, explicou que o obxectivo é proporcionar aos mozos e mozas coñecementos básicos e ferramentas prácticas para responder ante unha emerxencia, combinando a prevención do consumo de alcohol e cannabis coa aprendizaxe de primeiros auxilios e soporte vital básico.

Intoxicacións, desfibriladores e reanimación cardiopulmonar

As sesións abordarán diferentes contidos relacionados coa prevención e a atención sanitaria. O alumnado recibirá información sobre o alcohol e o cannabis e os seus efectos, así como indicacións para saber como actuar ante unha intoxicación por calquera destas substancias.

O programa tamén incluirá formación sobre como activar correctamente o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia (061), o funcionamento e uso do desfibrilador externo semiautomático (DESA) e a aprendizaxe das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP).

A formación combinará explicacións e recursos audiovisuais con exercicios prácticos. Os estudantes poderán adestrarse no uso do desfibrilador e realizar as manobras de reanimación sobre maniquíes específicos de simulación, co propósito de adquirir habilidades básicas que lles permitan responder ante unha situación de emerxencia.

Catro centros educativos de Ribadeo e A Pontenova

A cuarta edición de 'Saúde e Emerxencias' contará coa participación de 146 alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, de 1º e 2º da FP Básica do CIFP Porta da Auga, de 4º da ESO do colexio Sagrado Corazón e de 4º da ESO do IES Enrique Muruais, da Pontenova.

As actividades comezarán o martes 3 de novembro no colexio Sagrado Corazón e continuarán ao longo do mes nos diferentes centros participantes.

As sesións desenvolveranse cos grupos naturais de aula, cun máximo de 25 estudantes, e terán unha duración aproximada de dúas horas. Esta organización busca facilitar a participación de todo o alumnado e garantir que cada estudante poida practicar directamente as técnicas de reanimación cardiopulmonar e familiarizarse co manexo do desfibrilador.

Segundo destacou Elena Sierra, a metodoloxía será eminentemente práctica e participativa, de maneira que os mozos e mozas non só reciban información sobre prevención e emerxencias, senón que tamén adquiran recursos para saber como actuar cando se atopen ante unha situación que requira asistencia inmediata.

0.16016793251038