Ribadeo estrea un visor web para localizar as faixas de protección contra incendios

O Concello de Ribadeo incorpora unha nova ferramenta dixital destinada a facilitar a prevención dos incendios forestais e o control da xestión da biomasa. Trátase dun visor web que permitirá á veciñanza consultar as faixas de protección existentes no municipio e comprobar que parcelas están afectadas total ou parcialmente polas obrigas de limpeza.
A aplicación estará dispoñible a través da páxina web municipal e ofrecerá acceso público á información cartográfica relacionada coa xestión da biomasa. O sistema permite visualizar as faixas de protección e situalas en relación coa cartografía catastral e territorial, facilitando así a identificación das propiedades incluídas nestas áreas.
Unha das principais funcionalidades da plataforma é a incorporación dun módulo GPS. A través dun teléfono móbil ou doutro dispositivo compatible, os usuarios poderán coñecer a súa posición exacta sobre o terreo e comprobar a súa relación coas faixas de protección e coas parcelas catastrais. Esta opción busca facilitar especialmente os labores de identificación e inspección nas zonas rurais.
O visor está pensado tanto para propietarios como para técnicos municipais e empresas encargadas dos traballos de roza e limpeza. O obxectivo é concentrar nun mesmo espazo a información necesaria para coñecer as áreas nas que se debe actuar e facer máis sinxelo o seguimento das tarefas de conservación.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou que a posta en funcionamento desta ferramenta supón "un paso máis na modernización da administración" e permitirá realizar as consultas dunha maneira máis áxil e transparente. Segundo explicou, a plataforma busca tamén reforzar o control sobre o cumprimento das obrigas relacionadas co mantemento das faixas de protección.
O rexedor incidiu na importancia de que os propietarios poidan coñecer con claridade as zonas que deben manter limpas e conservar adecuadamente. "Creo que vai ser unha ferramenta útil para a consulta, para poder informarnos perfectamente do estado no que se atopan todas esas parcelas", sinalou.
A iniciativa contou coa colaboración da Xunta de Galicia. Desde o Concello consideran que o novo recurso permitirá dispoñer dunha información actualizada e accesible, ao tempo que facilitará os traballos preventivos fronte aos incendios forestais e a planificación da limpeza das faixas de xestión de biomasa no conxunto do municipio.