Ribadeo estrea o Trofeo de Veteranos Illa Pancha cun partido amigable no Pepe Barrera

O Estadio Municipal Pepe Barrera será este sábado, 17 de maio, o escenario da primeira edición do Trofeo de Veteranos Illa Pancha, unha nova proposta deportiva organizada polo recentemente creado equipo ribadense Rayo de Ribadeo. A cita, que comezará ás 11:00 horas, enfrontará ao conxunto local co equipo dos Veteranos das Gándaras. A entrada será libre e gratuíta para todo o público asistente.
Desde o Concello de Ribadeo amosan o seu apoio a esta iniciativa que nace coa vontade de consolidarse no calendario deportivo local. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que o Rayo representa “un novo proxecto no fútbol veterano do municipio, ao que imos respaldar desde o Concello tanto na súa traxectoria como nas actividades que promovan”. Ademais, animou á veciñanza a achegarse ao campo para “coñecer de preto o novo club e gozar dun partido con sabor a fútbol de sempre”.
O Trofeo Illa Pancha pretende poñer en valor a práctica deportiva máis alá da competición profesional, apostando pola camaradería, a continuidade do deporte entre exfutbolistas e a dinamización social a través do fútbol veterano. A iniciativa forma parte das accións coas que Ribadeo segue a reforzar a súa oferta deportiva e a crear espazos para o encontro e o lecer activo.