Ribadeo estrea o seu primeiro Trail con tres modalidades e unha andaina popular

AMariñaXa
O evento celebrarase o 5 de outubro e busca combinar deporte, natureza e posta en valor da paisaxe
Ribadeo-trail-outubro-2025
26 Aug 2025

Ata o 1 de outubro permanece aberto o prazo de inscrición para participar no I Trail de Ribadeo, unha cita deportiva organizada polo Concello que pretende consolidarse no calendario de carreiras da comarca. A proba desenvolverase o domingo 5 de outubro, ofrecendo un escenario no que se mesturan o reto físico e a beleza do patrimonio natural ribadense.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou que o evento contará con tres modalidades: un trail longo de 24 quilómetros, un trail curto de 12 e unha andaina popular tamén de 12 quilómetros. “Para os trails será necesario ter cumpridos os 18 anos, mentres que na andaina poderán participar mozos e mozas desde os 12, sempre acompañados dun adulto responsable”, indicou.

As inscricións poden realizarse a través da web www.trailderibadeo.com cun custe de 20 euros para a modalidade longa, 15 para a curta e 10 para a andaina. A cota inclúe seguro de accidentes, dorsal con chip para as probas de trail, avituallamentos, bolsa, asistencia técnica e un agasallo conmemorativo. O número de prazas é limitado: 150 para o trail longo, 250 para o curto e 200 para a andaina.

Establécense distintas categorías competitivas, nas que os tres primeiros clasificados recibirán trofeos. Silvent destacou que “será unha boa maneira de dar a benvida ao outono facendo deporte ao aire libre o vindeiro 5 de outubro. Confiamos en que a cita teña unha ampla resposta e sexa un éxito”.

⚙ Configurar cookies
0.36246800422668