Ribadeo ensinará a veciñanza a realizar reanimación cardiopulmonar e utilizar desfibriladores

Ribadeo acollerá o vindeiro sábado, 24 de outubro, unha sesión práctica de reanimación cardiopulmonar (RCP) e uso de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), co obxectivo de preparar a cidadanía para actuar ante unha parada cardíaca. A actividade desenvolverase no pavillón municipal entre as 10:30 e as 13:00 horas e estará aberta a persoas de todas as idades.
A iniciativa está organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa e o Hospital Público da Mariña, coa colaboración do Concello de Ribadeo, que anima a veciñanza a participar nesta formación para aprender a responder durante os primeiros minutos dunha emerxencia.
A sesión cobra especial relevancia tras a instalación de dous desfibriladores de acceso público no municipio, situados nas rúas San Francisco e Rosalía de Castro. Estes dispositivos permiten intervir con rapidez ante unha posible parada cardíaca, polo que coñecer o seu funcionamento e saber cando utilizalos pode resultar fundamental.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a importancia de que a poboación adquira estes coñecementos. "Todas as persoas poden axudar a salvar unha vida", sinalou, ao lembrar que os primeiros minutos son determinantes. Recoñecer a emerxencia, avisar aos servizos sanitarios, iniciar as manobras de RCP e utilizar un desfibrilador son pasos que poden marcar a diferenza ata a chegada dos profesionais.
Desde o Concello insisten en que non é necesario contar con formación sanitaria para prestar unha primeira axuda. Aprender as manobras básicas permite perder o medo a intervir, actuar con maior seguridade e estar mellor preparados ante unha situación que pode producirse en calquera lugar.
A xornada busca, así, reforzar a preparación da cidadanía e avanzar cara a un Ribadeo cardioprotexido, no que a resposta inmediata ante unha parada cardíaca contribúa a aumentar as posibilidades de supervivencia.