Ribadeo elimina un crédito de 700.000 euros e avanza na licitación do servizo de auga

AMariñaXa
O alcalde Dani Vega destaca a importancia da xestión dos recursos públicos e do investimento na mellora do abastecemento de auga, cun proxecto de máis de 5 millóns de euros
Imaxe do Concello de Ribadeo
20 sep 2024

O Concello de Ribadeo anunciou a eliminación dun crédito de 700.000 euros, segundo informou o alcalde Dani Vega tras a última comisión informativa de Facenda e Asuntos Xerais. Vega destacou que esta medida é parte dunha xestión responsable dos recursos públicos. "É un bo exemplo de xestión, tanto no ámbito do investimento como na eliminación de débeda", sinalou o rexedor.

Ademais, abordouse a licitación do servizo de abastecemento de auga, un dos proxectos máis ambiciosos da lexislatura, cun orzamento superior aos 5 millóns de euros. "Estamos a falar da obra máis importante desta lexislatura, para a cal agardamos contar co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación e as administracións estatais", explicou Vega.

O alcalde subliñou a urxencia de mellorar o sistema de abastecemento de auga debido ás frecuentes rupturas e cortes que afectan a varias parroquias, especialmente durante os meses de verán. "Ribadeo enfronta un problema grave con este servizo, e a mellora é unha prioridade para o noso goberno", afirmou.

Vega tamén recordou que este ano o goberno local xa eliminou outro crédito de preto de 100.000 euros, o que exemplifica a boa xestión financeira do Concello.

0.22017598152161