Ribadeo e Xunta selan un acordo para renovar a rúa Buenos Aires ata o porto de Mirasol

O Concello de Ribadeo e a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá a remodelación integral da rúa Buenos Aires, no tramo comprendido entre o centro urbano e o porto de Mirasol. O acto de sinatura contou coa presenza do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen estivo acompañado polo presidente de Portos, José Antonio Álvarez; o alcalde ribadense, Daniel Vega; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Segundo recolle o acordo, Portos de Galicia asumirá a totalidade do financiamento das obras, cun orzamento de 448.000 euros, mentres que o Concello será o encargado de licitar, executar e conservar a actuación. A Xunta autorizou previamente a sinatura do convenio debido ao volume económico da achega autonómica.
O proxecto contempla a renovación completa do pavimento e a substitución de todos os servizos urbanísticos, incluíndo a rede de sumidoiros e canalizacións de enerxía eléctrica, telecomunicacións e gas. Tamén se actuará sobre os afundimentos existentes na calzada provocados por obras anteriores e levarase a cabo a rehabilitación de varias vivendas.
Un dos puntos clave será a elevación da calzada na contorna do auditorio municipal Hernán Naval, co obxectivo de crear un espazo máis amplo con carácter de praza, ao tempo que se reduza a velocidade do tráfico. Tamén se procederá á mellora do muro que separa a rúa do barrio de Fonte Cavada, dotándoo de nova iluminación ornamental.
Por outra banda, instalarase novo mobiliario urbano, con bancos e papeleiras, e eliminarase o formigón deteriorado na praza, renovando a súa superficie para garantir unha maior seguridade e comodidade para peóns e condutores.
O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, destacou que “esta obra vai máis alá do que se ve, pois inclúe tamén a renovación das redes soterradas, beirarrúas e todo o ámbito do auditorio”. Subliñou que “é unha vía estratéxica de conexión entre a zona portuaria e o casco urbano que levaba anos precisando unha intervención deste calibre”. Tamén puxo en valor a colaboración institucional co goberno galego: “É unha nova inversión que nos permite seguir transformando Ribadeo con xestión e traballo continuo”.